Bloqueo de partidas e folga de traballadores: o Concello de Ourense afronta unha semana crítica
A delicada situación que está a vivir o Concello Ourense complicouse aínda máis a pasada semana tras o anuncio dos traballadores e traballadoras do Concello de Ourense, que irán á folga “ante o desprezo do alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, polo plan de estabilización e o seu proceder continuo respecto á política de persoal dos últimos 5 anos”.
Os sindicatos e os traballadores afectados artellarán nos vindeiros días a forma que tomará esta folga “ante a negativa do alcalde de sentarse a negociar”.
Pola súa banda, PP, PSOE e BNG amosáronse partidarios de apoiar a folga e manifestaron a súa solidariedade coa situación que están a vivir os traballadores e traballadoras municipais do Concello de Ourense dende fai varios anos, incidindo os tres na “mala xestión por parte do alcalde”.
Bloqueo de partidas
A esta situación hai que sumarlle a postura dos tres grupos da oposición ante a proposta, por parte do Goberno de Municipal, de levar a cabo dez expedientes de modificación de crédito, que sumarían un total de 22.293.576 de euros e que se debateron este luns no Pleno Extraordinario convocado polo Goberno Municipal.
PP, PSOE e BNG xa advertiran de que non aprobarían ningunha modificación de crédito, a excepción da modificación orzamentaria 9P, relativa a asuntos sociais, ata que o alcalde saque adiante uns orzamentos e desbloquee todos os problemas existentes en materia de persoal.
Os tres grupos coincidían este luns en dar luz verde a dita modificación co único obxectivo de non prexudicar ás familias en risco de exclusión social que se verán beneficiadas con esta partida.
O resto das partidas, sen embargo, foron rexeitadas como forma de presión para que o alcalde presente un proxecto de orzamentos.