Boborás afronta a reforma integral do seu pavillón municipal cun investimento de 1,2 millóns de euros

O Concello de Boborás porá en marcha unha rehabilitación completa do seu pavillón municipal grazas a un investimento de 1,2 millóns de euros. O proxecto foi un dos 26 escollidos pola Xunta de Galicia dentro da súa liña de axudas destinadas a investimentos municipais de carácter estratéxico, e contará ademais coa cofinanciación da Deputación de Ourense.
Esta actuación súmase a outro investimento previo de 260.000 euros que o Concello xa destinou nos últimos anos á renovación completa dos vestiarios e das salas deportivas do propio pavillón.
Entre as actuacións previstas nesta nova fase figuran a substitución da cuberta e das fachadas, o reforzo estrutural do edificio e a mellora do seu illamento térmico, así como a apertura de novos ocos para gañar luz natural. Tamén se instalará un pavimento deportivo novo, construiranse gradas e mellorarase a iluminación, a ventilación, a acústica, a seguridade e a accesibilidade do recinto. As obras teñen un prazo estimado de execución de doce meses.
A renovación do pavillón beneficiará directamente ao CEIP Nosa Señora de Xuvencos, que disporá dun espazo cuberto en condicións para desenvolver a actividade física durante todo o curso. Así mesmo, permitirá ampliar a oferta de actividades deportivas e saudables dirixidas a veciños de todas as idades, e varios clubs e entidades deportivas da contorna xa manifestaron o seu interese en empregar as instalacións para adestramentos, campus e competicións.
O pavillón intégrase nunha zona onde o Concello vén concentrando e mellorando distintos equipamentos públicos: o propio CEIP Nosa Señora de Xuvencos, o novo Centro de Saúde, as piscinas municipais, unha pista multideporte, un parque infantil, o Centro Sociocultural e un aparcadoiro público, aos que proximamente se sumará unha nova pista de pádel. Trátase dunha rede de infraestruturas vinculadas ao deporte, á saúde, á educación, á infancia, á conciliación e á convivencia, reunidas nun mesmo espazo ao servizo de todo o municipio.
Con esta actuación, o goberno local subliña que o obxectivo vai máis alá de reformar unha instalación concreta: trátase de recuperar unha infraestrutura esencial e seguir dotando a Boborás de máis e mellores servizos públicos.