Bos resultados para os competidores ourensáns dos clubs Artai e Wushu Kungfu no Campionato de Europa de Shuaijiao

A cidade de Skopje acolleu esta fin de semana o Campionato de Europa de Shuaijiao, unha cita na que a representación ourensá tivo un papel destacado tanto na competición como no ámbito técnico e arbitral.
Un total de sete deportistas dos clubs Artai e Wushu Kungfu Club Ourense, xunto a un adestrador e dous xuíces de Ourense, formaron parte da expedición española neste torneo continental, no que participaron países como Italia, Bosnia e Hercegovina, Serbia, Francia, Alemaña, Hungría e a anfitrioa Macedonia do Norte.
O Shuaijiao, disciplina do kung-fu centrada en agarres e derrubos, conta na provincia con referentes como o club Artai, que volveu situarse entre os destacados a nivel nacional grazas aos resultados acadados.
No plano deportivo, os competidores ourensáns lograron varios podios en distintas categorías. Sergio González Pardo (65 kg, cadete), Javier Rodríguez Meigide (65 kg, xuvenil), Yolanda González Diéguez (52 kg, categoría absoluta feminina), Maiky J. Duval Fernández (60 kg, absoluto) e Imran Razzak (65 kg, absoluto) conseguiron todos eles a terceira posición nos seus respectivos pesos.
Máis alá das medallas, o campionato tamén deixou un fito para a arbitraxe ourensá, co debut internacional de Sonsoles Fabián García e Carlos Rodríguez Gardón, que participaron como xuíces nunha competición de alto nivel.
A expedición contou ademais coa dirección do adestrador nacional Aarón Blanco, que valora que tras a competición “se demostrou que tanto a nivel nacional como na comunidade galega estase a traballar moi ben. Temos unha selección con grandes expectativas de cara ao mundial deste ano (outubro de 2026 en Montesilvano – Italia), pero hai que seguir traballando intensamente, xa que o nivel dos deportistas asiáticos segue moi por riba dos mellores de Europa”.