Café Quijano substituirá a Miguel Ríos tras cancelar o seu concerto deste venres nas Festas de Ourense 2026

Café Quijano ofrecerá un concerto este venres 19 de xuño no exterior do Pavillón Municipal dos Remedios en substitución da actuación de Miguel Ríos, que se viu obrigado a cancelar a súa presenza en Ourense esta noite tras sufrir un accidente doméstico. A actuación, de acceso libre e gratuíto, desenvolverase entre as 22:30 e as 00:00 horas.
A programación musical continuará a partir da medianoite coa actuación da orquestra América, que actuará ata as 03:00 horas na Praza de Concepción Arenal.
Café Quijano é unha das formacións máis recoñecibles da música española contemporánea. O grupo, creado en León polos irmáns Manuel, Óscar e Raúl Quijano, iniciou a súa traxectoria en 1997 cun estilo propio no que mesturan pop latino, rock, bolero e influencias de sons hispanoamericanos.
A banda acumula máis de dúas décadas e media de carreira e conta cun percorrido internacional respaldado por colaboracións con artistas como Celine Dion, Carlos Santana ou Joaquín Sabina.
Na actualidade, o grupo atópase inmerso na xira “Miami 1990 Tour 2026”, un espectáculo que recupera a esencia dos seus inicios e combina os temas do seu novo traballo coa revisión dalgúns dos grandes éxitos que marcaron a súa carreira musical. A proposta aposta por un formato que une recordos, sonoridades do rock latino e cancións que acompañaron varias xeracións.