Carmen García Mateo convértese na primeira reitora da historia da UVigo

GaliciaXa | OurenseXa
García Mateo dirixirá a institución académica viguesa ata o ano 2032 nun único mandato de seis anos de duración
carmen-garcia-mateo
16 May 2026

A Universidade de Vigo estará, por primeira vez na súa historia, liderada por unha muller. Carmen García Mateo facíase este venres coa reitoría da UVigo nun proceso electoral no que logrou impoñerse á candidatura de Belén Rubio Armesto. García Mateo dirixirá a institución académica viguesa ata o ano 2032 nun único mandato de seis anos de duración.

Doutora e enxeñeira de Telecomunicación pola Universidade Politécnica de Madrid en 1993 e 1987 respectivamente, García Mateo desenvolve a súa traxectoria profesional na UVigo dende 1987, onde é profesora na Escola de Enxeñaría de Telecomunicación e investigadora responsable do Grupo de investigación en Tecnoloxías Multimedia (GTM) de atlanTTic. Traballa nos eidos de tecnoloxía da fala en galego e castelán, segmentación de audio e recoñecemento biométrico de persoas. En 2014 foi distinguida co premio Maria Josefa Wonenburger co que a Xunta de Galicia recoñece as carreiras profesionais de mulleres ligadas ao mundo científicos e tecnolóxico. É coautora de máis de 100 artigos en revistas e congresos internacionais e dirixiu 10 teses de doutoramento. Dende o punto de vista da xestión universitaria, exerceu como vicerreitora de Titulacións e Converxencia Europea da UVigo entre 2006 e 2010 con responsabilidade adaptación da oferta académica da institución ao Espazo Europeo de Educación Superior.

0.11724996566772