Catorce entidades sociais quedan excluídas das subvencións do Concello de Ourense por falta de crédito

OurenseXa
O Concello explica que destinará unha partida adicional de 90.000 euros para que máis entidades accedan ás axudas
Concello-Ourense-recurso
Concello de Ourense
17 Dec 2024

Un total de 14 entidades sociais ourensáns quedarán fóra das subvencións do Concello de Ourense por falta de crédito orzamentario. Así o confirma o anuncio do Concello de Ourense publicado no Boletín Oficial Provincial.

Trátase da Asociación Española Contra o Cancro, Red Madre, a Asociación de persoas con Discapacidade de Ourense, a Asociación de fibromialxia, síndrome de fatiga crónica e sensibilidade química de Ourense (AFFOU), VALORESC innovation, a Fundación Amigos de Galicia, Apúntaste, a Asociación Diabética Áuria, Alcer, Discafis Cogami, Adido, Igaxes, APES e Amencer. Compre lembrar que todas elas cumprían os requisitos para acceder ás subvencións

Ademais, confírmase tamén que este ano non haberá servizo de conciliación durante o Nadal nos centros cívicos da cidade. Neste senso, os socialistas lanzaron esta mañá unha advertencia ao avanzar que “a intención do goberno de Gonzalo Pérez Jácome semella apuntar a querer suprimilo a partir de 2025”.

O Concello explica que ten reservada unha achega adicional de 90.000 euros

Ante esta situación, o Concello de Ourense explica que xa ten reservada unha achega adicional de 90.000 euros para ampliar o orzamento da convocatoria de subvencións a entidades sociais do ano 2024. No día de onte, o Concello publicaba no Boletín oficial da Provincia a resolución desta convocatoria, pola que acordaba conceder axudas a 16 asociacións e entidades sen ánimo de lucro que desenvolven o seu labor na cidade, por un importe de 323,825,09. Porén, a resolución indicaba que non era posible concederlles a axuda, por falta de crédito orzamentario, a outras 14 entidades.

O goberno municipal explica que o aumento desta partida nos últimos anos animou a moitas entidades a presentar solicitudes, o que provocou que o importe da partida orzamentaria inicial non fose suficiente.

Por este motivo, o goberno municipal tramitou e presentou ante o Pleno do Concello unha proposta de modificación orzamentaria, a 9P/2024, que destinaba, entre outras contías, unha achega de 90.000 euros adicionais á convocatoria, coa finalidade de que máis entidades dispoñan de axuda. A modificación orzamentaria está aprobada desde o día 19 de novembro, e permitirá que practicamente todas as entidades sociais que cumprían os requisitos poidan contar con subvención municipal.

0.17101812362671