Catro ourensáns representan á cidade das Burgas na Supercopa de España de Jiu Jitsu de Madrid

O Pavillón de Judo Francisco Valcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid) acolle hoxe, domingo 9 de febreiro, a Supercopa de España de Jiu Jitsu da Comunidade de Madrid nas categorías infantil, cadete e júnior (sub-16, sub-18 e sub-21). Entre os participantes, catro integrantes do Judo Club Ximnasio Marbel representan a Ourense nesta prestixiosa cita do calendario nacional.
Leire Carrera e Carolina Araújo compiten na categoría júnior, ambas na división de -57 quilos, mentres que Rodrigo Álvarez Gómez (-77 quilos) e David Rodríguez (-56 quilos) fano na cadete. Os catro afrontan o torneo en dúas modalidades de combate: loita e Ne Waza, esta última restrinxida ao traballo en chan.
Para Carolina e Leire, a competición supón unha proba clave de cara ao Campionato Galego de Jiu Jitsu, que se celebrará o vindeiro 23 de febreiro en Ourense. Ambas contan con experiencia a nivel nacional, e Carrera chega nun gran momento tras a súa recente actuación no Open de Xénova, onde conseguiu dúas medallas (prata e bronce) fronte a rivais de nivel europeo.
David Rodríguez debuta nunha competición nacional, mentres que Rodrigo Álvarez suma unha nova experiencia na península. Para ambos, o torneo representa unha oportunidade para seguir medrando no circuíto competitivo. A expedición ourensá está dirixida no tatami polo mestre e seleccionador galego, Felipe Iglesias.