Catro ximnastas ourensáns competirán no Mundial de Trampolín de Nanjing 2026

GaliciaXa | OurenseXa
Á representación ourensá sumarase tamén o ximnasta Iker García, mentres que Lidia Farrapeira competirá na modalidade de tumbling
melania-e-marta-ximnastas-as-burgas
25 Jul 2026

As ximnastas do Club Ximnasia Burgas Melania Rodríguez, Marta López e Uxía Rodríguez foron convocadas pola Real Federación Española de Ximnasia para participar no Campionato do Mundo de Trampolín 2026, que se celebrará o vindeiro mes de novembro en Nanjing (China). Á representación ourensá sumarase tamén o ximnasta Iker García, mentres que Lidia Farrapeira competirá na modalidade de tumbling.

Na categoría sénior, Melania Rodríguez participará nas modalidades de trampolín, disciplina olímpica, e dobre minitramp, na que defenderá a súa condición de actual campioa do mundo e posuidora do récord mundial. Pola súa banda, Marta López competirá en dobre minitramp, modalidade na que chega tras conquistar a medalla de bronce mundial por equipos coa selección española.

En categoría júnior, Uxía Rodríguez disputará a competición de dobre minitramp despois de proclamarse subcampioa de Europa por equipos coa selección nacional.

A representación ourensá complétase con Iker García, clasificado na categoría de idades de 13 e 14 anos en trampolín. O ximnasta, que actualmente compite co Club Ximnasia Pontevedra, chega ao Mundial como vixente campión de España da súa categoría.

Tamén estará presente en Nanjing Lidia Farrapeira, que competirá na categoría sénior na modalidade de tumbling.

Desde o Club Ximnasia Burgas agradeceron unha vez máis a confianza depositada pola Real Federación Española de Ximnasia coa convocatoria dos seus deportistas para unha das citas internacionais máis importantes da tempada.

0.14397978782654