Cea abre mañá as portas ao pirogravado do "Xiada"

A conta atrás remata esta semana en Cea. O Edificio Multiusos do concello abre mañá, 1 de setembro, as portas á exposición 'Xubilado, non te quedes parado', unha mostra de pirogravado sobre madeira que se poderá visitar durante todo o mes.
As pezas son obra de Arturo Vázquez Crespo, "o Xiada", nado en Cea e residente na actualidade en Gandía. Ambas as dúas localidades son a principal fonte de inspiración do seu traballo: as súas paisaxes e recunchos serviron de modelo para as composicións que o artista crea a través do lume sobre a madeira.
Vázquez Crespo comezou nesta disciplina tras a súa xubilación laboral, atopando no pirogravado unha maneira de seguir activo e creativo, tal e como amosa o propio título da mostra.
Quen se achegue ao Edificio Multiusos poderá gozar desta colección, que combina técnica, paciencia e memoria dos lugares que marcaron a vida do artista, ata o vindeiro 27 de setembro.