Cea celebrará unha actividade para dar a coñecer o pickleball, deporte en auxe nos Estados Unidos

A localidade será o primeiro punto dunha iniciativa que busca achegar esta disciplina, valorada pola súa infraestrutura sinxela e accesible, a todos os públicos
Pickle ball Cea
13 Sep 2026

A Federación Galega de Tenis organiza no Concello de Cea unha actividade promocional dedicada ao pickleball, un deporte que nos últimos anos gañou grande popularidade nos Estados Unidos e que se caracteriza por poder practicarse cunha infraestrutura sinxela, o que facilita o seu acceso a persoas de calquera idade e condición física.

Segundo sinalou o presidente da Federación, Xosé Mosquera, natural de San Facundo (Cea), esta localidade foi escollida como primeira parada dunha ambiciosa campaña coa que se pretende dar a coñecer este deporte en distintos puntos de Galicia. Precisamente, un dos aspectos que máis se destaca do pickleball é a sinxeleza das instalacións necesarias para a súa práctica, o que permite organizalo en espazos moi diversos.

A iniciativa desenvolverase os días 19, 20 e 21 de setembro, coincidindo coa celebración da Festa da Saleta, na Praza do Santo Cristo. Durante esas xornadas, o horario habilitado para que veciños e interesados poidan achegarse a probar este deporte será de 18.00 a 01.00 horas.

Con esta proposta, búscase que tanto os veciños de Cea como os visitantes que se acheguen ás festas patronais teñan a oportunidade de coñecer de primeira man en que consiste o pickleball, unha disciplina apta para todos os públicos.

0.15890121459961