Celanova e O Carballiño suman premios no certame literario e artístico Xuventude Crea 2026

Dous concellos da provincia de Ourense estiveron representados entre os galardoados da decimo sétima edición de Xuventude Crea, o certame que recoñece o talento literario e artístico emerxente da mocidade galega, nas súas modalidades de novela curta, poesía e banda deseñada.
O encontro, celebrado no Museo das Peregrinacións e de Santiago, serviu para reunir ás once persoas distinguidas este ano e afondar nos procesos creativos detrás de cada obra premiada.
Na categoría de poesía, o primeiro premio recaeu na obra 'Esporanxio', asinada por un creador do municipio de Celanova. O propio autor describe a súa composición como o reflexo dunha despedida vivida de xeito abrupto. Este galardón súmase aos outorgados a 'Sucos sobre a pel', dunha autora de Pontevedra, que afonda na identidade a través da herdanza familiar, e a 'Azul e vermello na estrada', dun creador coruñés afincado en Pontevedra que xa fixera co terceiro posto nesta mesma modalidade o ano pasado.
Pola súa banda, na modalidade de banda deseñada, o terceiro premio foi para 'Manuéh', obra dun mozo do Carballiño que aborda, cun ton humorístico, as vivencias dun galego que traballa como repartidor de correo postal en Noruega. Os dous primeiros postos desta categoría corresponderon a creadores da Coruña e de Cangas de Morrazo, mentres que dúas mencións de honra foron para sendos autores vigueses, cuxos traballos tratan, respectivamente, a relación conflitiva dunha protagonista coa tecnoloxía e as redes sociais, e a felicidade na vida cotiá dun personaxe.
En canto á modalidade de novela curta, os tres primeiros postos foron para autores da Coruña, Carballo e Culleredo, con historias centradas na amizade, a memoria oral e a identidade territorial, e unha reflexión sobre a vellez no ámbito rural.
As obras recoñecidas nestas tres modalidades recibirán a súa distinción nunha gala final conxunta, que se celebrará unha vez conclúan as fases finalistas do resto de categorías que integran o certame.
Unha convocatoria consolidada con quince especialidades
Xuventude Crea 2026 reúne quince especialidades distintas e convocou este ano a preto de 500 mozos e mozas inscritos. O programa, que chega á súa decimo sétima edición, consolidouse como unha referencia dentro do panorama cultural e artístico galego: dende a súa creación participaron nel preto de 6.000 mozos e mozas, con 4.000 obras e proxectos presentados, e repartíronse arredor de 700 premios e 89 mencións de honra, por un importe conxunto superior ao millón de euros.