Celanova reforza a súa oferta turística cun amplo programa de visitas e propostas culturais durante agosto

OurenseXa
O programa especial desenvolverase ao longo de agosto con visitas guiadas ao patrimonio histórico, exposicións e percorridos culturais por Celanova e Vilanova dos Infantes
plaza-maior-celanova
15 Aug 2026

Celanova ofrecerá durante todo o mes de agosto unha programación especial destinada a achegar o seu patrimonio histórico, artístico e cultural tanto á veciñanza como aos visitantes. A iniciativa reúne visitas guiadas, espazos museísticos e diferentes itinerarios para facilitar o coñecemento dos principais atractivos do municipio durante a tempada estival.

A Oficina de Turismo, situada na Praza Maior, atenderá ao público de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que os sábados, domingos e festivos abrirá de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas.

O programa inclúe visitas guiadas á Capela de San Miguel e á igrexa de martes a sábado ás 11.00, 12.30, 16.00 e 17.30 horas, mentres que os xoves, domingos e festivos haberá pases ás 12.30, 16.00 e 17.30 horas. Ademais, os xoves organizaranse visitas ao campanario ás 11.15, 12.15 e 13.15 horas, con posibilidade de concertalas de martes a venres baixo demanda. A programación complétase coa exposición "Rudesindus", dedicada á figura de San Rosendo.

A oferta esténdese tamén a Vilanova dos Infantes, onde de xoves a domingo e festivos poderá visitarse a torre medieval e a Cova de San Vivián de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, con visitas guiadas ao exterior ás 11.00 e ás 18.30 horas.

Pola súa banda, a Casa dos Poetas abrirá de martes a venres de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, e os sábados de 11.00 a 14.00, permanecendo pechada os festivos. A programación complétase cun roteiro cultural por Celanova, ademais das visitas libres ao xacemento castrexo de Castromao e á Ponte Freixo, consolidando unha ampla oferta para descubrir o patrimonio da vila durante todo o mes de agosto.

0.1320629119873