Celanova revive a Idade Media co seu Mercado Medieval do 21 ao 23 de agosto

Celanova vivirá unha das súas citas máis esperadas do verán: o Mercado Medieval, que terá lugar os días 21, 22 e 23 de agosto de 2026 cun programa repleto de actividades para todas as idades.
O venres, o mercado abrirá as súas portas ás 11.00 horas e, tras a pausa do mediodía, retomará a súa actividade ás 17.00 horas coa apertura da ludoteca, a zona de hípica, o recuncho infantil e as exposicións de tortura e de campamento medieval. A partir das 18.00 horas comezarán os obradoiros demostrativos de forxa e esparto, xunto a unha exhibición de tiro con arco. A xornada contará ademais cun desfile inaugural ás 18.30 horas e coas actuacións de grupos como Celtika, A troupete de Luisete, Fauno e o Buhoneiro, pechando a noite ás 23.00 horas co espectáculo de lume 'Loita de elementos'.
O sábado, o mercado abrirá ás 11.00 horas e ofrecerá unha intensa programación de música e espectáculos ambulantes ao longo de todo o día, coa participación de grupos como Ghawazee, O Leproso e a Slifi, Legendarium ou Morzaimer o druída. Pola tarde-noite destacará o concurso ao mellor atavío medieval, cuxa entrega de premios está prevista ás 21.00 horas, ademais das actuacións de Sedir Paganis e Skadh o xamán. A xornada concluirá ás 23.00 horas con 'O ritual de Farralis', un novo espectáculo de lume.
O domingo, último día do mercado, manterá o mesmo horario de apertura ás 11.00 horas e repetirá boa parte das actuacións dos días anteriores, con grupos como Baom o ent, Fauno Faunus ou a música itinerante de Celtika. A programación pecharase, como na xornada anterior, con 'O ritual de Farralis' ás 22.00 horas.
Durante os tres días, o evento contará de forma permanente cun recuncho infantil e obradoiros para nenos, hípica vegana, obradoiros de esparto e forxa, e as exposicións de tortura e de campamento medieval, ademais da exhibición de tiro con arco. O ambiente estará animado en todo momento por música, animación e espectáculos que recrearán a atmosfera propia da época medieval.