Cinco competidores do Marbel participarán no Open Nacional de Jiu Jitsu de Madrid

Cinco deportistas do Jiu Jitsu Club Marbel competirán este sábado 21 de novembro no Open Nacional de Jiu Jitsu para Kyus e cintos negros, que se celebrará no pavillón Francisco Varcárcel de Villaviciosa de Odón (Madrid). A expedición ourensá estará formada por Grettel Pazos (-63 quilos), Nacho Fernández (-62), Bruno Carrodeguas (-69), Roberto Sáez (-85) e Aitor Rodríguez (-94).
Os cinco participantes disputarán as modalidades de Loita e Ne Waza, esta última centrada exclusivamente no combate no chan. Para Carrodeguas e Rodríguez será a súa primeira experiencia competitiva en jiu jitsu, aínda que ambos contan con experiencia noutras disciplinas de combate.
A expedición tamén contará cos xuíces de mesa Luis e Rubén Córdoba, así como co Mestre Felipe Iglesias, actual seleccionador galego, que acompañará os competidores durante a xornada. Iglesias destaca que o obxectivo será 'rodar os novatos e comprobar a correcta evolución dos demais', ademais de aproveitar o torneo como unha oportunidade de aprendizaxe ante a posibilidade de enfrontarse a rivais con maior grao.
A competición desenvolverase durante a mañá do sábado, entre as 9.00 e as 13.00 horas. Na edición de 2025, o Marbel conseguiu sete medallas, un resultado que o equipo tratará de mellorar ou igualar nesta nova cita nacional.