Colectivos de memoria histórica denuncian que o Subdelegado do Goberno non trasladou a súa petición sobre o futuro do vello cárcere de Ourense

OurenseXa
Varias asociacións aseguran que a súa reunión coa Subdelegación tiña como obxectivo pedir a declaración do edificio como lugar de memoria, un propósito que, segundo denuncian, non quedou reflectido na comunicación oficial do encontro
colectivos de memoria reunión Subdelegado de Goberno Ourense
27 Oct 2026

Os colectivos Amigos da República de Ourense, Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova fixeron pública a súa desconformidade co xeito en que a Subdelegación do Goberno en Ourense informou sobre unha reunión mantida a semana pasada co Subdelegado, Eladio Santos.

Segundo explican estas entidades, o encontro solicitouse cun obxectivo concreto: pedir que o Subdelegado trasladase ao Goberno central a situación na que se atopa o vello edificio do cárcere de Ourense, co fin de que o Ministerio de Memoria Democrática iniciase de oficio o expediente para declarar o inmoble como lugar de memoria.

Con todo, os colectivos sosteñen que a nota de prensa difundida posteriormente pola Subdelegación para dar conta da reunión non recolleu este asunto, que era, afirman, o motivo polo que solicitaron o encontro. Ademais, sinalan que tanto a comunicación como a fotografía do encontro se empregaron para difundir outro tipo de información allea á petición formulada.

Perante esta situación, os asinantes anunciaron a súa intención de dirixirse directamente á Secretaría de Estado de Memoria Democrática para lle trasladar a súa preocupación polo estado de abandono do edificio e formular a posibilidade de recorrer á figura de lugar de memoria como vía para avanzar na súa recuperación.

As tres asociacións insisten en que representan a vítimas e familias afectadas por este período histórico e reclaman que as súas demandas sexan atendidas polas administracións competentes.

0.12187814712524