Colectivos de memoria reclaman protexer o antigo cárcere de Ourense como Lugar de Memoria Democrática

OurenseXa
Piden ao Estado que incoe de urxencia o expediente para evitar o deterioro do edificio e á Xunta que o declare Ben de Interese Cultural
antigo-carcere-ourense
27 Sep 2026

Varios colectivos de memoria da provincia de Ourense reclaman ao Goberno de España que inicie con carácter urxente o procedemento para declarar o antigo Cárcere Provincial como Lugar de Memoria Democrática. As entidades consideran que esta medida permitiría adoptar medidas provisionais para protexer o edificio do deterioro e garantir que calquera uso futuro preserve a súa memoria histórica.

A petición prodúcese despois de que o alcalde de Ourense anunciase o pasado 21 de setembro que proporá a Paradores de Turismo converter o antigo cárcere e a Casa de Baños nun establecemento de vinte habitacións. Os colectivos sinalan que actualmente non existe un proxecto, un acordo con Paradores nin un estudo de viabilidade para esta proposta e reclaman que o futuro do inmoble teña en conta o seu valor como lugar de memoria.

Segundo explican as entidades asinantes, desde xullo de 1936 pasaron polo cárcere da rúa do Progreso centos de persoas represaliadas pola súa vinculación co republicanismo, o galeguismo, o socialismo, o comunismo, o anarquismo ou o movemento sindical. Entre xullo e setembro de 1936 rexistráronse máis de 400 ingresos e, segundo os colectivos, moitos dos presos foron posteriormente asasinados. A represión continuou durante a posguerra e a ditadura, ata a presenza nas súas celas do último preso político, Suso Vaamonde, en 1984.

As organizacións lembran tamén que o edificio leva pechado desde 1987 e que en xullo de 2001 o Concello de Ourense asinou co Estado un convenio polo que asumía a titularidade do inmoble co compromiso de convertelo nun museo da memoria histórica. Segundo sinalan, vinte e cinco anos despois esa actuación continúa sen executarse.

Os colectivos advirten ademais do risco de que o paso do tempo dificulte a conservación do edificio e da súa memoria e poñen como exemplo o derrubamento da prisión de Carabanchel en 2008. Tamén citan o caso de Lugo, onde o Boletín Oficial do Estado publicou o 19 de xuño de 2026 a incoación do procedemento para declarar a antiga Prisión Provincial como Lugar de Memoria Democrática.

Neste contexto, reclaman á Secretaría de Estado de Memoria Democrática que incoe de urxencia o procedemento para declarar o antigo Cárcere Provincial de Ourense como Lugar de Memoria Democrática, ao abeiro dos artigos 49 a 53 da Lei 20/2022. Segundo explican, a incoación permitiría a anotación preventiva do edificio no Inventario de Lugares de Memoria Democrática e a adopción de medidas provisionais para protexelo do deterioro e de posibles usos que, ao seu xuízo, borren a súa memoria.

As entidades dirixen tamén unha petición á Xunta de Galicia para que retome o consenso alcanzado en 2001 e inicie o expediente de declaración do antigo cárcere como Ben de Interese Cultural, ao abeiro da Lei 5/2016 do patrimonio cultural de Galicia.

O obxectivo, segundo os colectivos asinantes, é que o antigo cárcere sexa recoñecido como lugar de memoria e como parte do patrimonio colectivo da cidade. Por iso, consideran que calquera futuro uso do inmoble deberá respectar e explicar os feitos acontecidos nel.

O comunicado está asinado por Amigos da República de Ourense, o Comité pola Memória Histórica do Val do Límia e o Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova.

0.15645313262939