Ourense presenta a campaña ‘Quere o teu mercado’

OurenseXa
Entre o venres 24 e o sábado 25, ofreceranse máis de 1.000 degustacións de tenreira galega grazas a colaboración da IXP Ternera Gallega
quere-o-teu-mercado-ourense
Presentación da campaña 'Quere o teu mercado' en Ourense
21 may 2024

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, participou esta mañá en Ourense na presentación da campaña de promoción dos mercados e prazas de abastos ‘Quere o teu mercado’; unha iniciativa da Xunta, Deputación, Federación Galega de Comercio e da Área Comercial Praza de Abastos nº1 para incentivar o consumo de produtos frescos e resaltar os valores da compra local e a profesionalidade e bo facer dos praceiros e praceiras.

O delegado territorial explicou que o vindeiro 25 de maio, celébrase en 28 mercados de Galicia o Día do Mercado, nos que se desenvolverán unha serie de eventos para intentar atraer clientes e transmitir todos os beneficios que ten consumir nos mercados de proximidade.

Manuel Pardo animou a todos os asistentes a sumarse a esta campaña coa que, en definitiva, se busca dinamizar estes espazos achegándose á cidadanía para potenciar a compra do produto local, ademais de poñer en valor o bo facer dos profesionais.

Entre ámbolos dous días, ofreceranse máis de 1.000 degustacións de tenreira galega grazas a colaboración da IXP Ternera Gallega cun posto que estará instalado na entrada do mercado onde tamén poderá intercambiarse os billetes da compra por agasallos da campaña. As novidades deste ano serán a representación da obra ‘Romanceiras do Camiño’ de Oreteiro Teatro o sábado, e o recital poético dunha escolma de textos relacionados coa cociña galega que o Círculo Poético de Ourense levará cabo o domingo.

Sinalou o representante do Goberno galego que con esta iniciativa trátase de unir a nivel internacional aos mercados locais de diferentes formas e tamaños nun fin común: aumentar a súa visibilidade, a presenza de consumidores e o consumo no comercio de proximidade, ao tempo que se fortalecen os lazos de unión e a fidelización cos usuarios.

‘Quere o teu mercado’ (Love Your Local Market), con orixe no Reino Unido, está promovido a nivel internacional pola World Union of Wholesale Markets, e este ano únense Portugal e Brasil aos mercados de España, Reino Unido, Francia, Alemaña, Holanda, Polonia, Italia, Irlanda, Bélxica, Grecia, Dinamarca, Suecia, Hungría, Serbia, China, Arxentina e Estados Unidos.