Comezan as festas do Couto con concertos e verbenas durante toda a fin de semana

O barrio do Couto prepárase para dar inicio ás súas festas, que arrincan esta mesma noite coa actuación de Los Satélites e se prolongarán ao longo de toda a fin de semana.
Mañá, venres 15, será a quenda da Orquestra Olympus, que protagonizará a primeira gran verbena nocturna. O sábado 16 será a xornada máis longa, coa presenza de Charleston Big Band, que actuará de madrugada. Para pechar as festas, o domingo 17 —coincidindo co Día das Letras Galegas— o protagonismo será para Treixadura, que ofrecerá un concerto máis temperán como despedida.
Como é habitual, o epicentro das actuacións situarase na zona da baixada da rúa Salvador Dalí, onde se concentrará a actividade musical destes festexos que buscan reunir veciñanza e visitantes arredor da cultura e o lecer.
CORTES DE TRÁFICO
As celebracións provocarán cortes e restricións de tráfico en varias rúas do barrio desde este xoves.
Así, a rúa Francisco de Moure permanecerá pechada ao tráfico desde hoxe ata a finalización dos eventos, debido á “incompatibilidade técnica entre o mobiliario e infraestruturas instaladas para o evento e o tránsito de vehículos de motor, primando a seguridade viaria”.
Pola súa parte, na rúa Dalí establécese un plan de cortes intermitentes. Os días xoves 14 e venres 15 o acceso estará restrinxido a partir das 18:00 horas ata o remate da xornada, mentres que o sábado 16 e o domingo 17 a restrición comezará ás 17:00 horas.
Ademais, durante a fin de semana tamén se verán afectadas outras vías do contorno. Na rúa Pardo de Cela prevese restrición de acceso o sábado 16 e o domingo 17 desde as 17:00 horas, dentro do dispositivo previsto para a celebración dos actos festivos.
Así mesmo, o sábado 16 producirase unha interrupción da circulación a partir das 23:15 horas nesta mesma zona, debido ao “despregamento do perímetro de seguridade necesario para a execución do espectáculo pirotécnico”.
Desde a Policía Local recoméndase á veciñanza e ás persoas usuarias planificar con antelación os desprazamentos e atender á sinalización e ás indicacións dos axentes durante os días de celebración.