Comezan os traballos de mellora do parque infantil da Praza Taboada Chivite, en Vistafermosa

O Concello de Ourense puxo en marcha este mércores as obras de rehabilitación do parque infantil da Praza Taboada Chivite, no barrio de Vistafermosa, cunha actuación centrada na mellora das condicións de uso, seguridade e calidade deste espazo público.
Os traballos foron adxudicados á empresa HPC Ibérica S.A. por un importe de case 30.000 euros e teñen como obxectivo renovar a área de xogo e optimizar o conxunto do parque, cun enfoque especial no lecer infantil. A intervención inclúe actuacións de adecuación dos elementos existentes, melloras na contorna e integración paisaxística.
O prazo de execución previsto esténdese ata finais do mes de maio, aínda que o contrato contempla un período máis amplo para a súa completa finalización administrativa. A actuación permitirá actualizar un espazo de uso habitual para as familias do barrio, reforzando aspectos como a accesibilidade, a seguridade e a calidade ambiental.
Ademais, o Concello anunciou a incorporación dun novo elemento de xogo infantil á cidade. Trátase da coñecida “vaca Paca”, que será instalada no parque da Alameda do Cruceiro durante a primeira semana de maio, nunha zona próxima á área de xogos inclusivos e ao espazo de auga.
Con estas actuacións, serán xa catro as áreas infantís renovadas ou melloradas en Ourense ao longo da primavera, cun investimento global que supera os 148.000 euros. O goberno local prevé dar continuidade a estas melloras no outono con novas intervencións en diferentes puntos da cidade.