Concepción Díaz Prol: “Estamos dando un salto de calidade en canto aos resultados deportivos”

OurenseXa
A coordinadora do Club Piragüismo Ourense fala sobre como foi evolucionando o equipo desde que foi refundado no ano 2000 ata hoxe
piraguismo-ourense
26 Apr 2026

Creado no ano 2000 para dar continuidade a outros proxectos deportivos, o club Piragüismo Ourense leva 26 anos formando as novas promesas deste deporte desde a súa sede en Velle. Actualmente conta cun total de 98 fichas e os resultados dos seus palistas son cada vez mellores. Ademais das competicións e adestramentos, o club leva varios anos colaborando activamente na organización do Descenso do Miño, que este ano cumpre 58 anos de historia.

Concepción Díaz Prol, coordinadora deportiva do club desde hai tres anos, fálanos sobre como foi evolucionando o equipo desde que foi refundado no ano 2000 ata hoxe.

Cando naceu o club?

Piragüismo Ourense foi fundado no ano 2000, pero este club dá continuidade ao club Pena Redonda da cidade, que tamén se chamaba así, Club Pena Redonda, refundado no ano 1980 e que á súa vez tivo como predecesor ao Alcalá Galeano, creado en 1968.

No teu caso persoal, canto tempo levas formando parte do club?
No club levo moitos anos. No seu momento participei nunha sección de kayak polo e logo retomei durante a pandemia, cando inscribín aos meus fillos no club de iniciación. Na directiva levo tres anos e vinculada ao mundo do piragüismo uns seis anos.

Que valores queredes transmitir como club?

Os valores son a práctica deportiva e o tempo de lecer, tanto a nivel de competición como de lecer. Nós practicamos unha actividade física na natureza moi vinculada ao benestar físico e emocional dos nenos e nenas, e incluso dos veteranos que tamén participan en actividades. Ao ser un club tan pequeno tamén fomentamos moito o trato entre nós, como unha pequena familia.

Cantos deportistas tedes actualmente?

Agora mesmo temos 98 fichas.

A nivel deportivo, cales son os vosos obxectivos?

Os obxectivos van un pouco ligados aos diferentes grupos que temos. Poderiamos dicir que temos tres grupos claramente diferenciados: os veteranos, que desfrutan do río e realizan unha actividade física importante, con persoas de ata 68 anos ou máis que seguen vinculadas ao deporte; despois temos os nenos máis pequenos, os superpingüíns, que é a categoría alevín, onde o obxectivo é que fagan deporte, que se divirtan, que desfruten e que veñan con ganas de adestrar e pasalo ben facendo deporte; e despois temos o grupo de traballo, que serían infantís, cadetes, júnior e sénior, que son os que van a competicións máis serias, aínda que os superpingüíns tamén participan na Copa Deputación de Ourense. O grupo de traballo agora mesmo está en competicións como o Campionato de España en Sevilla de piragüismo, e estamos a un moi bo nivel.

Que perspectivas tedes para esta tempada?

Estamos dando un salto de calidade en canto aos resultados deportivos. Estamos avanzando desde que o club comezou, e despois da pandemia houbo un “boom”, porque é unha actividade individual ao aire libre. O grupo de nenos empezou un ano antes do COVID e agora é o grupo máis importante. Estamos facendo promoción do noso deporte en colexios e outras actividades para volver atraer masa e incorporar máis nenos.

Porén, temos unhas instalacións que non se renovaron desde o ano 2000. Nos vestiarios, por exemplo, hai só unha ducha. Por sorte o CMD puxo duchas exteriores, que é onde se duchan os nenos; as nenas non, pero os nenos todos se duchan fóra. Este ano tamén incorporamos un pequeno ximnasio dentro do hangar. Cada ano renovamos bastante material, porque senón non poderiamos competir a un nivel aceptable. Agora temos un volume importante de piraguas e un mini ximnasio, pero seguimos tendo carencias de instalacións e iso limítanos a nivel de competición, como é lóxico. Tamén hai que ter en conta que non nos deixan usar zodiac e, polo tanto, temos que desprazarnos a outros lugares para realizar determinados adestramentos.

Como vos financiades?

Principalmente accedemos a subvencións da Xunta, da Deputación e do Concello de Ourense. Este ano tivemos tamén unha subvención por levar mulleres ao Campionato de España, para potenciar a inclusión e a participación feminina, e déronnos 600 euros en material. Coas cotas dos nenos unicamente cubrimos o soldo do monitor que temos contratado, que é obrigatorio e necesario, loxicamente, porque estamos no río, porque ten que remar con eles e non podemos usar zodiac, xa que é unha cuestión de seguridade importante.

Que esixencia ten este deporte para quen quere empezar?

O primeiro é saber nadar, iso é importante. A partir de aí teñen que ter ganas. O piragüismo é un deporte moi esixente fisicamente.

Como son os adestramentos?

A iniciación, grazas a un convenio co Concello de Coles, faise no embarcadoiro de Ribela, que é unha zona segura, protexida, con acceso limitado, e é como unha balsa de 500 metros onde os nenos aprenden con seguridade, xogan na auga e desfrutan. Cando xa teñen habilidades e seguridade pasan ao club en Velle, onde adestran nun espazo máis reducido cun monitor dedicado exclusivamente a eles.

Logo, os adestramentos son máis ou menos dunha hora na auga. Se hai físico poden facer outra hora máis de preparación física, van alternando, sobre todo en infantís e cadetes. As sesións organízanse con dous días de preparación física e saída á auga, e o resto de días unha hora de auga. Sacan as piraguas polo acceso de Velle e traballan nun circuíto en forma de triángulo, duns aproximadamente un quilómetro, co adestrador no medio controlando a todos os nenos.

Como está o nivel de participación feminina?

Agora mesmo temos unha júnior con moi bos resultados, e tamén outras nenas en categorías inferiores que están destacando. En infantil e cadete temos moi bos resultados en Galicia, sempre nos primeiros postos. Non facemos diferenzas entre equipos femininos e masculinos, adestran todos xuntos. O equipo cadete vai preparar pista e vai todo o grupo, rapaces e rapazas. Non hai diferenzas de adestramento nin de trato. O ambiente é moi positivo, apóianse uns aos outros. As nenas compiten ao mesmo nivel, cada un ao seu ritmo, pero todos xuntos. E hai nenas moi novas que están destacando moito.

Que logros destacarías nos últimos anos?

Por exemplo Lucas Cho, que comezou neste club, foi campión de España, estivo clasificado coa selección galega e, ademais de quedar campión en K1 e outras modalidades, foi seleccionado para ir ao Centro de Alto Rendemento de Pontevedra. E por suposto tamén Tiago Paz, que precisamente acaba de ser subcampión de España na súa categoría no Campionato de España de Xoves Promesas. Ademais, como club, obtivemos o posto 21 dos 107 que participaban. A nivel galego, a nosa base está entre os 15 primeiros equipos nos rankings, así que estamos moi contentos.

0.11572980880737