Cortes de tráfico e cambios no transporte público en Barbadás polo Rallymix

A disputa do Rallymix Barbadás obrigará a introducir restricións de tráfico e modificacións no servizo de transporte público en Barbadás durante os próximos tres días.
Con motivo do Rallymix, a estrada OU-160 permanecerá pechada ao tráfico á altura do lugar das Escorregas. O peche porase en marcha este venres a partir das 15.00 horas e manterase tanto o sábado coma o domingo.
Esta afectación viaria tamén repercutirá no funcionamento da Rede Integrada de Ourense (RIO), que terá que aplicar desvíos e anulacións nalgunhas das súas liñas mentres dure o corte.
En concreto, quedarán suprimidas as paradas de Barbadás de Abaixo, Barbadás núcleo, Barbadás Galos e Sobrado do Bispo. Pola súa banda, as paradas de Bentraces e Loiro manteranse, aínda que de forma neutralizada, xa que os autobuses terán que desviarse pola estrada de Celanova para completar o seu percorrido. Esta modificación de itinerario podería xerar atrasos nalgunhas das expedicións durante os tres días que dure a proba.