Cortes de tráfico este martes na OU-150 pola execución da nova pasarela peonil en Cudeiro

As obras de execución dunha nova pasarela peonil na estrada OU-150, á altura de Cudeiro, no concello de Ourense, obrigarán a cortar completamente o tráfico na zona próxima á ponte do núcleo a partir das 7.00 horas do martes 12 de maio.
A intervención será necesaria para proceder á montaxe da estrutura, que se realizará mediante pezas prefabricadas trasladadas ata o punto da obra e colocadas con axuda de dúas autogrúas. Está previsto que os traballos máis complexos se desenvolvan ao longo do martes, coa previsión de poder avanzar na apertura da circulación entre o xoves e o venres, e restablecer o tráfico na zona ao longo do 15 de maio, se non hai incidencias.
Durante o período de corte habilitarase un itinerario alternativo para garantir a mobilidade dos vehículos mentres duren as restricións.
A actuación forma parte dun proxecto impulsado pola Xunta de Galicia cun investimento superior aos 435.000 euros, co obxectivo de mellorar a seguridade peonil no punto quilométrico 1+000 da OU-150, onde a estrada atravesa o rego Val dos Gozos nun tramo con calzada estreita.
A nova pasarela será independente da ponte existente e permitirá separar o tránsito peonil da circulación rodada, incrementando así a seguridade na contorna. A infraestrutura foi fabricada previamente en tres módulos que serán ensamblados in situ, incluíndo un apoio central e dous tramos laterais unidos mediante sistema aparafusado.