Desactivada a alerta por episodio de calor en toda Galicia

GaliciaXa | OurenseXa
As previsións apuntan a un regreso a valores térmicos habituais, tras varios días nos que se activaran distintos niveis de alerta por calor
temperatura-termometro-calor
14 Jun 2026

A Xunta de Galicia, no marco do seu Plan de actuación fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, desactivou este domingo as alertas por episodio de calor, ao rexistrarse unha normalización das temperaturas para esta época do ano, segundo os datos de MeteoSalud e Meteogalicia.

As previsións apuntan a un regreso a valores térmicos habituais, tras varios días nos que se activaran distintos niveis de alerta por calor, especialmente nas provincias de Ourense e Pontevedra.

A Consellería de Sanidade lembra que os efectos das altas temperaturas afectan especialmente a determinados grupos de risco, entre os que se atopan as persoas maiores de 65 anos, menores de 4 anos —especialmente os menores dun ano—, así como persoas con enfermidades cardiovasculares, respiratorias, renais, neurolóxicas ou psiquiátricas, entre outras. Tamén se inclúe a quen toma certos fármacos ou se atopa en situacións de maior vulnerabilidade social ou física.

Sanidade insiste nunha serie de recomendacións preventivas para a poboación, como manter unha correcta hidratación con auga e bebidas lixeiras, evitar o consumo de alcol, cafeína e bebidas moi azucradas, aumentar a inxesta de froitas e verduras e reducir as comidas copiosas. Tamén recomenda o uso de roupa lixeira, protección solar e permanecer en espazos frescos ou á sombra.

Ademais, aconséllase evitar a actividade física nas horas de maior calor, ventilar as vivendas durante a noite e manter pechadas persianas durante o día para conservar ambientes máis frescos.

No caso de síntomas compatibles cun golpe de calor, recoméndase solicitar asistencia médica urxente a través do 061 e, mentres chega a axuda, trasladar á persoa a un lugar fresco, arrefriar o corpo e hidratalo se está consciente. Se non o está, debe colocarse en posición lateral de seguridade e non administrarlle líquidos.

A exposición prolongada a altas temperaturas pode provocar desde mareos e fatiga ata deshidratación ou golpes de calor, debido a fallos no sistema de termorregulación do organismo, especialmente en persoas vulnerables ou con enfermidades crónicas.

0.1278350353241