?> Dispositivo especial de tráfico en Ourense para este sábado, 27 de abril en OurenseXa

Dispositivo especial de tráfico en Ourense para este sábado, 27 de abril

OurenseXa
Con motivo do festival Outopía e o partido do COB haberá diversos cortes de tráfico na cidade ao longo da xornada
Policia_Local_Ourense
Policía Local de Ourense
Redacción Ourensexa
27 abr 2024

Policía Local do Concello de Ourense informa sobre o dispositivo de tráfico para a celebración mañá, sábado, 27 de abril, do festival Outopía, no recinto feiral Expourense, e o partido que enfrontará a Club Ourense Baloncesto - Longevida San Pablo Burgos no Pazo Paco Paz.

Por unha banda, a rúa do Espeto, que vai desde a rúa da Farixa até a estrada nacional 525, terá só un sentido de circulación, cara á dita estrada. O acceso ao recinto feiral desde a estrada nacional será a través da rúa da Azucena.

Por outra banda, a rúa da Ermida terá un só sentido de circulación, desde a rúa da Farixa, nas proximidades de Expourense, cara á rúa Xoán Manuel Pinto / Centro interxeracional.

O Concello lembra que activará un servizo especial de autobuses á Finca Sevilla para facilitar o desprazamento do público que desexe asistir a estes eventos. Os vehículos sairán desde o Parque de San Lázaro cara a Expourense, pasando polo Posío, en viaxe de ida e volta, desde as 18.30 horas do sábado até as 4.00 da madrugada do domingo, cunha frecuencia cada media hora.

Tamén haberá restricións de tráfico pasado mañá, domingo, 28 de abril, con motivo da celebración da carreira popular do barrio do Vinteún, que dá inicio á edición 2024 do circuíto Correndo por Ourense, que organiza o Consello Municipal de Deportes.

Así, desde as 10:30 horas até que remate a proba, en torno ás 12.30 horas, pecharanse ao tráfico as rúas Madre Soledad, Avenida de Santiago (desde Río Camba até a Rúa do Vinteún), Rúa do Vinteún (desde a Avenida de Santiago até Río Corzos), Río Corzos, Ríos Xares (desde a avenida de Santiago até Río Mao), Río Mao, Río Bellao,  Río Cobas e Río Camba.

O dispositivo de tráfico deseñado pola Policía Local establece 4 rutas alternativas:

  • Avenida de Santiago, en sentido ascendente por Río Arnoia, Río Támega, Río Avia, Río Sil, Río Bubal, Río Limia e Avenida de Santiago.
  • Avenida de Santiago, en sentido descendente por Río Limia, Alejandro Pedrosa, Río Arnoia e Avenida de Santiago
  • Río Camba: desvío por estrada de Oira
  • Rúa do Vinteún: desvío pola estrada de Barra de Miño e pola Nacional 525 a través do polígono industrial dos Coiñás.