Dúas atletas do Atletismo A Gándara representarán a Galicia no Campionato de España por Federacións que se celebra en Ourense

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Sara Pérez Pallín e Mencía Álvarez Velasco foron chamadas pola Selección Galega para representar a Galicia nesta competición estatal, unha das máis relevantes do calendario nacional
Sara Pérez Pallín e Mencía Álvarez Velasco, Club Atletismo A Gándara
6 May 2026

O club Atletismo A Gándara vivirá esta fin de semana unha cita destacada coa presenza de dúas das súas atletas no Campionato de España por Federacións Autonómicas Sub-16 (CESA), que se disputará os días 9 e 10 de maio nas pistas de atletismo de Pereiro de Aguiar, en Ourense.

As deportistas Sara Pérez Pallín e Mencía Álvarez Velasco foron chamadas pola Selección Galega para representar a Galicia nesta competición estatal, unha das máis relevantes do calendario nacional na categoría.

No plano deportivo, Sara Pérez Pallín participará na proba dos 600 metros lisos, mentres que Mencía Álvarez Velasco competirá nos 1.000 metros lisos. A convocatoria supón un paso importante na súa traxectoria, xa que ambas chegan á cita tras unha tempada de progresión que as situou entre as atletas máis destacadas da súa especialidade.

Desde o Atletismo A Gándara subliñan a importancia desta dobre presenza no combinado autonómico e destacan o traballo de base que hai detrás destes resultados. “Para un club como o noso, ver a Sara e a Mencía na Selección Galega é un orgullo inmenso. É o premio ao seu esforzo diario e tamén ao traballo de formación que realizamos na Gándara”, sinalan.

A competición reunirá ás principais promesas do atletismo español Sub-16 e, ao celebrarse en terras ourensás, engade un aliciente especial para as atletas, que competirán preto da súa contorna habitual.

Desde o club convidan á afección e á veciñanza a seguir o evento e apoiar ás súas representantes nesta importante experiencia deportiva.

0.12599802017212