Dúas dotacións de bombeiros do Consorcio Provincial de Ourense parten cara Valencia para axudar nos traballos de rescate

OurenseXa
O vindeiro luns día 11 de novembro está prevista a saída doutras dúas dotacións procedentes dos parques de Valdeorras e A Limia
Bombeiros, Ourense
Bombeiros do Consorcio Provincial de Ourense
6 Nov 2024

Con motivo das graves inundacións producidas pola DANA en Valencia, dúas dotacións do Consorcio Provincial de Ourense partiron esta mañá cara os territorios afectados desde o Parque de Bombeiros de Verín. Estes efectivos acoden en colaboración coa Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) e foron despedidos polo vicepresidente terceiro e deputado provincial de Emerxencias, Plácido Álvarez, acompañado polo xefe de sección de Emerxencias da Deputación, José Ramón Sánchez Feijóo.

As dotacións procedentes dos parques de O Carballiño-O Ribeiro e Verín, partiron do parque de bombeiros de Verín en dous vehículos 4x4 que van provistos de kit de bomba, material de limpeza viaria, bombas de achique, vadeadores, equipos de excarceración, equipos de iluminación, e o subministro suficiente para ser autónomos durante varios días.

O vindeiro luns día 11 de novembro está prevista a saída doutras dúas dotacións procedentes dos parques de Valdeorras e A Limia, para dar relevo as dotacións xa desprazadas ao lugar da catástrofe.

0.17063498497009