O Club Piragüismo Ourense triunfa na primeira regata provincial de piragüismo da Copa Deputación 2026

OurenseXa
A competición reuniu representantes de todos os clubs da provincia no encoro de Salas
club-piragüismo-ourense
6 Jul 2026

Preto dun cento de deportistas dos diferentes clubs da provincia participaron este domingo na primeira regata provincial de piragüismo, proba integrada na liga ourensá e na Copa Deputación de Ourense 2026.

A competición estivo organizada pola S.C.D.X Fontefría, de Muiños, e a Federación Galega de Piragüismo, coa colaboración da Deputación Provincial de Ourense e do Concello de Muiños.

A proba desenvolveuse finalmente no encoro de Salas, despois de que non puidese celebrarse no encoro das Conchas, como estaba previsto inicialmente. A xornada contou ademais coa presenza de numeroso público seguindo o desenvolvemento das diferentes probas.

Os percorridos variaron en función das categorías participantes. Os deportistas prebenxamíns, benxamíns e alevíns completaron un circuíto de 1.000 metros; os infantís afrontaron unha distancia de 2.000 metros, mentres que os cadetes realizaron un percorrido de 4.000 metros.

Na clasificación individual por categorías, Martín Feijoo, do club Piragüismo Ourense, e Lena González, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, impuxéronse na categoría cadete masculina e feminina, respectivamente.

En Infantil A, os primeiros postos foron para Thiago Paz, do Piragüismo Ourense, e Vega Fernández, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño. En Infantil B resultaron vencedores Gabriel Chávez e Isabella Rodríguez, ambos do Piragüismo Ourense.

Na categoría Benxamín A impuxéronse Guillermo Dacruz, do Fluvial Allariz, e Hannah Carvajal, do Piragüismo Ourense, mentres que en Benxamín B o triunfo foi para Mauro Quintas, tamén do Fluvial Allariz.

En Alevín A lograron a vitoria Nicolás Carbajal e Jara Paz, ambos representantes do Piragüismo Ourense. Pola súa banda, Asier Mora, do Fluvial Avión-Castrelo de Miño, e Ximena González, do Náutico Ribeiro, ocuparon o primeiro posto en Alevín B.

A categoría prebenxamín estivo encabezada por Mateo Foo e Maia Sophie Carbajal, ambos pertencentes ao club Piragüismo Ourense.

Na clasificación xeral por clubs, o primeiro posto foi para Piragüismo Ourense, seguido por Náutico Ribeiro e Fluvial Avión-Castrelo de Miño. A clasificación completárona S.C.D.X Fontefría (Muiños), Fluvial Allariz e Fluvial O Barco.

0.12687301635742