Elena Rivo preséntase como candidata á Vicerreitoría do Campus de Ourense

No marco das eleccións á Reitoría da Universidade de Vigo 2026, a candidatura ConSenso, encabezada por Jacobo Porteiro, presentou este martes á profesora Elena Rivo como proposta para asumir a Vicerreitoría do Campus de Ourense no caso de resultar elixida.
A presentación tivo lugar no edificio Xurídico-Empresarial e serviu tamén para dar a coñecer algunhas das liñas xerais e medidas que a candidatura propón para o desenvolvemento do campus.
Elena Rivo é licenciada en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidad Complutense de Madrid e doutora en Administración e Dirección de Empresas. Desde 1999 é profesora titular e investigadora no Departamento de Organización de Empresas e Márketing da Universidade de Vigo.
No plano institucional, xa exerceu como vicerreitora do campus de Ourense (2022-2023) e como comisionada de Coordinación Institucional da Universidade de Vigo (2019-2022). Ademais, foi decana da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo de Ourense (2013-2019), coordinadora do Mestrado Universitario en Creación, Dirección e Innovación na Empresa (2011-2014) e coordina desde 2024 o Mestrado Interuniversitario en Economía Circular.
Rivo pertence ao grupo de investigación GEN e participa en proxectos centrados na empresa familiar, a creación de valor e a innovación. É tamén directora da Cátedra Institucional da Empresa Familiar e da Cátedra Coren, vinculada á Coren.
Durante a presentación, Jacobo Porteiro destacou a súa elección para este posto e sinalando que o seu obxectivo é “ter a mellor persoa ao meu lado liderando o campus de Ourense desde a vicerreitoría, e polo tanto unha das primeiras persoa que contactei foi con Elena Rivo, coa que xa traballara cando foi vicerreitora do campus de Ourense”. “Estou convencido que será unha boísima vicerreitora se temos a oportunidade de entrar no goberno da Universidade”, engade.
O candidato a reitor puxo en valor o papel do campus de Ourense dentro da institución, afirmando que “a Universidade de Vigo non se entende sen o campus de Ourense, e a cidade de Ourense non se entende sen a Universidade de Vigo presente nela co seu campus. Temos a sorte de ter un campus moi ben conectado coa universidade, coa realidade da cidade, con moitísima potencia en investigación, en docencia, en transferencia e en titulacións moi atractivas”. Engadiu tamén que “a Universidade de Vigo, e entendo que toda Galicia, está orgullosísima polo que está no campus de Ourense, polo que se fai neste campus”.
Pola súa banda, Elena Rivo agradeceu a invitación para incorporarse ao proxecto e sinalou: “me incorporase a este proxecto ilusionante como é reimaxinar a UVigo para o futuro”. Tamén destacou que a candidatura conta “cun equipo magnífico”.
A profesora manifestou a súa vontade de volver asumir responsabilidades no campus de Ourense, ao que definiu como un espazo “que creceu durante os últimos anos sen parar, que está moi cohesionado coa sociedade, co empresariado, e que é moi valorado pola sociedade ourensá”. Neste sentido, engadiu: “imos manter iso e imos amplificalo, porque temos moitas fortalezas”.
Sobre as liñas de actuación, apuntou que o programa da candidatura “ten unha pata que afecta positivamente ao campus de Ourense” e sinalou o obxectivo de “implicalo aínda máis coa sociedade, de humanizar o acceso, a unión entre os dous campus”. Tamén abordou a cuestión da vivenda estudantil, indicando que “temos medidas para tratar de axudar” e mencionou como posibles vías a construción dunha nova residencia ou a busca de fórmulas alternativas ante un campus “en crecemento que xa non dá máis”.
Esta presentación enmárcase nunha semana de encontros nos tres campus na que ConSenso está a presentar o seu equipo e programa.