En marcha a licitación das obras de mellora na canella Jorge Ferreiro e a praza da Eiriña, en Xunqueira de Ambía

Avanza o proceso para acometer as obras de acondicionamento da canella Jorge Ferreiro e da praza da Eiriña, no concello de Xunqueira de Ambía, unha actuación enmarcada no Plan Hurbe que saíu a licitación por un importe de 237.392 euros e que xa conta con varias propostas presentadas para a súa execución.
O proxecto persegue recuperar e poñer en maior valor estas dúas vías, situadas nas inmediacións da Colexiata de Santa María a Real, templo declarado Monumento Histórico-Artístico en 1931 e cualificado como Ben de Interese Cultural dende 1985. Ademais, ambos os espazos atópanse dentro da zona de protección do Camiño de Santiago, o que engade un valor patrimonial adicional á intervención.
Entre os traballos previstos figura a posta ao día das infraestruturas urbanas da canella e da praza, orientada a corrixir as deficiencias na rede de saneamento e a mellorar a evacuación das augas pluviais. Tamén se substituirá o actual alumeado público por luminarias de tecnoloxía LED, renovarase a sinalética existente e repavimentaranse ambas as rúas, que quedarán equipadas con novo mobiliario urbano.
O proxecto contempla así mesmo deixar preparadas as canalizacións e preinstalacións que poidan requirirse no futuro, de xeito que se nalgún momento fose necesario amplialas ou poñelas en marcha, non haxa que volver levantar o pavimento recén instalado.
Esta intervención enmárcase dentro do Plan Hurbe, un programa a través do cal se articula a colaboración entre a administración autonómica e os concellos galegos para financiar investimentos destinados a mellorar as contornas urbanas e dotar aos municipios de novos equipamentos, co propósito de impulsar a actividade no territorio e contribuír a un maior equilibrio territorial.
En virtude do convenio subscrito entre ambas as administracións, a parte autonómica asumirá o 70 % do custo total da obra, ademais de encargarse da súa licitación e execución, mentres que o consistorio de Xunqueira de Ambía aportará o 30 % restante do financiamento.