Esgos acollerá unha nova xornada gratuíta de asesoramento sobre rehabilitación e posta en uso de vivendas

O Concello de Esgos organizará o vindeiro xoves 14 de maio unha xornada de asesoramento gratuíto dirixida a propietarios e persoas interesadas na rehabilitación ou posta en uso de vivendas.
A actividade desenvolverase no Salón de Plenos da Casa do Concello en horario de 9.30 a 14.00 horas e contará con persoal especializado que atenderá á veciñanza para ofrecer información sobre subvencións para reformas, resolver dúbidas relacionadas con herdanzas ou rexistro de propiedades e prestar apoio técnico de balde.
Para poder participar será imprescindible solicitar cita previa chamando ao Concello no número 988 29 00 00 ou á biblioteca polas tardes no 988 48 26 84.
Este servizo será prestado polo equipo de EIBISA no marco do proxecto RE-HABITA RURAL LAB, que ten entre os seus obxectivos identificar o estado das vivendas para informar das posibles axudas de rehabilitación, actualizar o rueiro dixital para mellorar a localización e valoración dos inmobles e contribuír á revitalización do rural, facilitando que vivendas actualmente sen uso poidan converterse en novos fogares.