Esgos celebra este domingo a XVII Carreira San Pedro de Rocas con máis de 570 persoas inscritas

O Concello de Esgos celebrará este domingo 14 de xuño de 2026 a XVII edición da Carreira San Pedro de Rocas, unha cita deportiva xa consolidada que volverá reunir a centos de participantes en diferentes modalidades de carreira e andaina.
A proba conta con máis de 570 persoas inscritas, distribuídas entre as distintas distancias e formatos previstos para a xornada.
No programa deportivo, a carreira longa será de 17 quilómetros, con saída ás 11:00 horas, mentres que a carreira curta, de 8,5 quilómetros, dará comezo ás 11:30 horas.
No apartado de andainas, haberá tamén dúas opcións: un percorrido longo de 17 quilómetros, con saída ás 09:30 horas, e unha andaina curta de 8,5 quilómetros, que comezará ás 10:30 horas.
A organización sinala que a actividade ofrece opcións adaptadas a distintos niveis de participación, nun entorno que combina deporte e natureza na contorna de San Pedro de Rocas.
Con motivo da celebración da proba, aplicaranse cortes e restricións de tráfico en varias rúas do municipio. En concreto, permanecerá pechada ao tráfico entre as 09:00 e as 14:30 horas a Rúa Souteira, así como os accesos desde a Rúa Pazos e a Rúa Saramagal.
Ademais, haberá cortes puntuais durante as saídas das probas ás 09:30, 10:30, 11:00 e 11:30 horas nas rúas Souteira de Abaixo, Barreal e Cimadevila ata a zona das piscinas. Tamén estará prohibido estacionar no barrio do Saramagal desde o sábado ás 15:00 horas ata a tarde do domingo.