Excelentes resultados do cuarteto júnior do Club Ourela no XV Campionato de España de Cuartetos Júnior

OurenseXa
O conxunto ourensán acadou a 14ª posición na clasificación final, quedando moi preto de entrar no top 10 na súa primeira experiencia a nivel nacional
club-ourela-campionato-de-españa
20 Apr 2026

O Club Deportivo Ourela desprazouse esta fin de semana ata Alcoi (Alacant) para participar no XV Campionato de España de Cuartetos Júnior. O grupo formado por Aldara, Sandra, Sofía e Vega participou en 16º lugar coa súa coreografía “Guardianas de la luz”. A puntuación obtida, 24,35 puntos, situounas na 14ª posición da clasificación final, quedando a pouca distancia do top 10 na súa primeira participación a nivel estatal.

Aínda que o campionato non foi perfecto, o club destaca a evolución do grupo, que mellorou en máis dun punto a nota de Compoñentes respecto aos campionatos autonómicos. O equipo subliña tamén a importancia do proceso de crecemento deportivo e persoal das patinadoras, que en menos dun ano pasaron de competir no Grupo de Show de 2ª categoría —onde lograron a 15ª posición no Campionato Galego— a acadar este resultado nun campionato nacional de 1ª categoría.

O Club Ourela salienta ademais que este cuarteto se converteu no primeiro de Ourense en participar nun Campionato de España, o que supón un fito para a entidade, que vive un ano histórico con presenza en categorías nacionais en cuartetos e danza, ademais dun notable crecemento nas categorías rexionais e amateur de libre.

Con esta competición péchase a tempada oficial nacional da modalidade de show, na que o club conseguiu dous podios no Campionato e na Copa Galega, ademais desta participación estatal. A actividade continuará aínda con probas non oficiais como o Trofeo Noia Portus Apostoli ou o Trofeo Internacional Cidade de Vigo.

0.15046787261963