Excelentes resultados do judo ourensán no torneo autonómico “Xoga Judo 2026”

O pasado sábado 25 de abril celebrouse no Polideportivo Municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra) o torneo autonómico “Xoga Judo 2026”, unha competición incluída no programa Xogade da Xunta e organizada pola Federación Galega de Judo. O evento reuniu numerosos participantes das categorías benxamín, alevín e infantil, con deportistas nados entre 2012 e 2019.
A provincia de Ourense estivo representada por 27 judokas nas categorías alevín e infantil, que competiron xunto a clubs doutras zonas de Galicia nunha das sedes autonómicas do torneo.
A delegación ourensá contou co acompañamento dos técnicos Felipe Iglesias, Anita Fernández Morais e Manuel Montero, nunha xornada que tivo como obxectivo a iniciación á competición, a formación educativa a través do deporte e a promoción dos valores vinculados ao judo.
No plano deportivo, os resultados melloraron os rexistros do ano anterior, cun balance final de 9 medallas de ouro, 10 de prata e 8 de bronce, reflectindo a evolución do traballo desenvolvido nos clubs ourensáns.