Excelentes resultados para o Club Marbel no II Torneo Nacional de Jiu Jitsu “Memorial Patricia Martín Blanco”

O Jiu Jitsu Club Marbel asinou unha actuación especialmente destacada no II Torneo Nacional de Jiu Jitsu “Memorial Patricia Martín Blanco”, celebrado os días 23 e 24 de maio no pavillón Patricia Martín de Parla, onde o conxunto ourensán contou coa participación de dez deportistas.
Na xornada do sábado, dedicada ás probas individuais, o club logrou varios podios en distintas categorías. En sub-18, Catuxa González acadou a medalla de ouro e Gretel Pazos conseguiu a prata. Na modalidade de dúo, Bea Nesi e Carla Seoane obtiveron a segunda posición, mentres que esta última completou a súa participación cun bronce en loita.
Na categoría sub-12, Alicia Pazos e Álvaro Seoane dominaron as súas respectivas probas individuais con senllas medallas de ouro, ás que engadiron outro primeiro posto na competición por parellas. Pola súa banda, na categoría absoluta, Yago-Nguyen Rodríguez logrou o bronce no seu peso, mentres que Juan Seoane finalizou en quinta posición en -85 kg.
O balance do sábado pechouse cun total de catro ouros, tres pratas, dous bronces e unha quinta praza para o club ourensán.
O domingo disputouse a competición por equipos, na que o Marbel formou unha selección conxunta co ximnasio Línea Sport de Valencia. O equipo titular estivo composto por Leire Carrera (-63 kg), Catuxa González (+63) e Christian Álvarez (+85), con Juan Seoane e Yago Rodríguez como suplentes. O conxunto acadou a final do torneo, na que caeu ante un rival de alto nivel con experiencia en campionatos nacionais.
Os responsables técnicos Felipe Iglesias e Anita Fernández Moráis valoraron positivamente o rendemento do grupo, destacando a evolución dos deportistas máis novos e o bo nivel competitivo amosado en todas as categorías.