Excelentes resultados para o Ximnasio Estudio A Valenza no Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu

OurenseXa
O club ourensán acadou un balance moi positivo, con catro títulos autonómicos, dous subcampionatos, un terceiro posto e varias posicións preto do podio
club-ximnasio-estudio-a-valenza
4 May 2026

O Ximnasio Estudio A Valenza regresou cunha destacada actuación do XV Campionato Galego de Nihon Tai-Jitsu, celebrado no pavillón municipal do IES de Rodeira, en Cangas (Pontevedra). Esta disciplina, integrada na Federación Galega de Karate e especializada en técnicas de defensa persoal, reuniu deportistas de toda Galicia en probas de kata individual e expresión técnica por parellas, abranguendo categorías desde benxamín ata sénior.

O campionato, que acada a súa décimo quinta edición, celebrouse por primeira vez na provincia de Pontevedra e contou co apoio do Concello de Cangas, da Xunta de Galicia a través da Xefatura Provincial de Deportes e da Deputación de Pontevedra. A cita reuniu numeroso público que encheu as bancadas do pavillón.

Nesta ocasión, o club ourensán obtivo un resultado moi positivo, con catro títulos autonómicos, dous subcampionatos, un terceiro posto e varias posicións próximas ao podio, consolidando a súa progresión nesta disciplina.

Entre os resultados máis destacados figuran os campionatos galegos acadados na modalidade de expresión técnica por parte de Raúl Fernández Blanco e Adrián Rodríguez Carballo. Na competición de kata, ambos os deportistas tamén asinaron unha actuación sobresaínte, con primeiros postos nas categorías cadete e júnior respectivamente. Ademais, Iago Cid Fernández e Thiago Babarro Claro lograron senllos subcampionatos nas súas categorías, mentres que Andrea Pereira Álvarez completou a participación do club cun terceiro posto na categoría sénior.

Desde o ámbito do Nihon Tai-Jitsu ourensán valóranse estes resultados como os mellores acadados ata o momento, deixando ademais moi boas sensacións de cara a futuras competicións autonómicas e estatais.

0.10390305519104