Excelentes resultados para os grupos show do CD Ourela no Trofeo Portus Apostoli

OurenseXa
As “Guardianas de la luz” realizaron a súa mellor actuación da tempada
ourela-campionato-grupos-noia
5 May 2026

As patinadoras do Club Deportivo Ourela desprazáronse este pasado sábado 2 de maio ata Noia para participar no Trofeo Portus Apostoli de Grupos Show, unha competición organizada polo Club Noia Patín e que supuxo o primeiro trofeo non oficial do club neste 2026.

A xornada comezou coa actuación do grupo show pequeno de 2ª categoría, que acadou a 5ª posición coa coreografía “El viaje del ticket dorado”, inspirada na película Charlie e a fábrica de chocolate. O equipo amosou unha mellora notable respecto á súa última participación na Copa Galega, malia ter que adaptar a montaxe hai menos dunha semana pola lesión dunha das súas compañeiras.

A continuación foi a quenda do Cuarteto junior, que regresaba á competición autonómica tras participar no Campionato de España. As “Guardianas de la luz” realizaron a súa mellor actuación da tempada, destacando pola súa velocidade e ausencia de erros, o que lles valeu a primeira posición e unha ovación do público asistente no Pavillón Agustín Mourís.

Ambos os grupos atópanse en momentos distintos da tempada. O cuarteto junior afronta xa a recta final, na que só lle resta o Trofeo Internacional Cidade de Vigo a comezos de xuño antes de preparar o 2027. Pola súa banda, o grupo pequeno continúa en fase de preparación cara ao tramo decisivo da campaña, coa mirada posta no Campionato Galego do 20 de xuño en Porriño.

0.14154601097107