Expertos en tecnoloxía abordan en Tecnópole os retos actuais do sector en Galicia

Representantes de empresa, administración e centros de investigación reuníronse este mércores na segunda edición do Foro de Innovación e Tecnoloxía do Círculo de Empresarios
foro-empresarios-tecnopole
16 Apr 2026

Tecnópole reuniu este mércores a boa parte da cúpula tecnolóxica galega na segunda edición do Foro de Innovación e Tecnoloxía do Círculo de Empresarios de Galicia baixo o lema “Galicia ante o próximo ciclo”, con representantes de empresa, administración e centros de investigación, que coincidiron na urxencia de comezar a tomar medidas para potenciar o sector.

A presidenta do Círculo, María Borrás, advertiu de que o contexto cambiou de forma acelerada en apenas un ano, cunha intelixencia artificial que xa forma parte do día a día e uns fondos europeos que entran en fase de execución real. Neste escenario, lanzou unha advertencia directa: “Galicia tiene que decidir si se posiciona o espera, y esa pregunta no tiene respuesta: tenemos que posicionarnos inmediatamente”.

Na mesma liña, a vicepresidenta primeira da Deputación de Ourense, Marta Nóvoa, defendeu o papel do eixe Vigo-Ourense como motor de desenvolvemento e subliñou a aposta provincial pola innovación, nunha xornada respaldada pola operadora R.

Un dos diagnósticos máis claros chegou da man do xerente da Tecnópole, Javier Taibo, que lembrou que Galicia lidera en España a compra pública innovadora e escalou posicións en Europa, pero mantén como materia pendente o gasto en I+D, situado no 1,3%, por debaixo da media estatal. Ademais, advertiu do desequilibrio territorial, cunha provincia de Ourense que xera menos empresas das que lle corresponderían por poboación, o que, ao seu xuízo, require medidas de impulso específicas.

As mesas de debate evidenciaron tamén a distancia entre o desenvolvemento tecnolóxico e a súa aplicación real nas empresas. Desde a operadora R, Alfredo Ramos destacou o despregamento do 5G en Galicia e o uso masivo de datos con intelixencia artificial, pero alertou dun fenómeno emerxente, o “ausentismo”, ligado á desaparición de determinados postos de traballo por efecto da automatización.

Desde o ámbito institucional, Marcos Baliño, responsable de novas tecnoloxías da Deputación, defendeu unha innovación pública útil e inclusiva, aínda que recoñeceu o elevado custo de adaptación normativa. No plano empresarial, Víctor Lorenzo, do Grupo Cuevas, puxo exemplos concretos de aplicación tecnolóxica na industria alimentaria, afirmando que “si la innovación no se ve en la cuenta de resultados, no sirve”.

O papel dos centros tecnolóxicos tamén estivo presente no debate. Antía Fernández López, de Gradiant, incidiu na necesidade de trasladar a investigación ao mercado, mentres que Esther Merlo, de Madera Plus, puxo o foco na dixitalización do sector forestal e na xestión dos datos nun territorio maioritariamente privado.

Un dos avisos máis contundentes chegou do catedrático Humberto Michinel, quen rebaixou expectativas sobre a computación cuántica e sinalou que o verdadeiro potencial actual está en campos como os sensores cuánticos ou os láseres ultrapuros. “Si tuviera que invertir mi dinero, lo metería ahí”, afirmou.

A sesión final deixou exemplos de como escalar negocio desde Galicia. Rafa Villaverde defendeu a necesidade dunha nube soberana fronte á dependencia tecnolóxica exterior, mentres que Eugenia Juncal explicou o crecemento dunha peme rural como Granja Campomayor, aínda que denunciou problemas básicos como a falta de cobertura en zonas rurais. Pola súa banda, Gervasio Varela, de Redegal, apostou polo talento híbrido e o desenvolvemento de produto propio como vía de competitividade.

O foro pechou cunha serie de coincidencias: a intelixencia artificial xa é imprescindible, a regulación europea condiciona o desenvolvemento pero tamén profesionaliza, e o principal reto segue sendo o talento e o investimento privado en innovación. En palabras dos participantes, o novo ciclo xa está en marcha e Galicia debe decidir como posicionarse para non quedar fóra.

0.12665605545044