Expourense convértese nun gran polideportivo con 4.000 deportistas na nova edición de Sportur Galicia

Expourense transformouse durante esta fin de semana nun auténtico punto de encontro deportivo coa celebración de Sportur Galicia – Xogos Deportivos, un evento que reuniu arredor de 4.000 participantes entre nenos, mozos e adultos, con e sen diversidade funcional.
Máis dunha vintena de asociacións deportivas participaron nun programa que incluíu clases abertas, exhibicións e competicións oficiais como as Copas Deputación de distintas modalidades. A ampla actividade converteu o recinto nunha gran pista multideporte na que se practicaron preto de vinte disciplinas distintas.
O pavillón principal, con 8.000 metros cadrados sen columnas, volveu demostrar a súa capacidade para acoller grandes eventos deportivos, permitindo a instalación simultánea de diferentes canchas e espazos de competición. Neste sentido, Expourense consolídase como unha infraestrutura de referencia para a celebración de campionatos autonómicos e nacionais.
As dúas primeiras xornadas estiveron centradas na participación de alumnado de Primaria e Secundaria de distintos centros da provincia de Ourense, mentres que o sábado quedou reservado ás competicións provinciais de todas as categorías. Foi unha xornada marcada polas medallas, os trofeos e as fotos de equipo.
Entre as probas destacaron a Copa Deputación de Minibalonmán e de Pequebolei, que reuniron centos de deportistas e familias ao longo do día, ademais de torneos de roller cross, bádminton e clases abertas de esgrima antiga.
A organización do evento correu a cargo de Expourense, co apoio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia e da Deputación de Ourense.
A programación de Sportur Galicia continuará os días 3 e 4 de decembro co VII Congreso Internacional sobre Turismo e Deporte, centrado no ámbito profesional.
Expourense pecha así a súa actividade feiral do primeiro semestre, aínda que manterá movemento nos próximos días coa presentación da Memoria de Actividades 2025 o 3 de xuño e coa celebración do Ou Yeah Fest o 6 de xuño, con actuacións de Kitty, Daisy & Lewis, The Rapants e Loquillo.