Falar do suicidio como forma de prevención: a importancia de romper o silencio arredor da saúde mental

O 10 de setembro conmemórase o Día Mundial para a Prevención do Suicidio, nun período de sensibilización que se prolonga ata o 10 de outubro, Día Mundial da Saúde Mental. A conmemoración busca poñer o foco na necesidade de falar sobre o suicidio, identificar os factores de risco e reforzar as ferramentas de prevención e atención ante unha realidade que deixa arredor de 300 mortes cada ano en Galicia.
A prevención pasa, precisamente, por romper o silencio arredor do suicidio e da saúde mental. Desde a Asociación Galega de Prevención e Apoio ante o Suicidio defenden que falar do problema de maneira responsable pode contribuír a detectar situacións de sufrimento, facilitar que as persoas pidan axuda e evitar que determinadas condutas cheguen a situacións límite.
A entidade advirte de que o suicidio non pode vincularse exclusivamente a situacións de vulnerabilidade económica ou social. Segundo explica, pode afectar a persoas de perfís moi diferentes e está relacionado tamén con factores como o illamento, a soidade, as dificultades para acceder aos servizos sociosanitarios ou o estigma que aínda existe á hora de recoñecer que se está atravesando un problema de saúde mental.
Neste sentido, a asociación insiste na importancia de abordar estas situacións antes de que se produza unha crise. As dificultades para acceder a determinados recursos, unidas ás listas de espera, poden facer que unha persoa perciba que o seu problema non é suficientemente grave como para recibir atención ou que non vai poder obter axuda cando a necesita.
A entidade tamén chama a atención sobre a importancia da maneira na que se fala publicamente do suicidio. Na súa análise introduce os conceptos coñecidos como efecto Werther e efecto Papageno. O primeiro fai referencia ao risco de imitación que pode producir unha cobertura informativa inadecuada, mentres que o segundo alude ao posible efecto protector de mensaxes que presentan alternativas, apoio e vías para pedir axuda. Por iso, a asociación defende unha comunicación responsable, centrada na prevención e na posibilidade de buscar axuda.
OS DATOS EN GALICIA
Os datos manexados pola Asociación Galega de Prevención e Apoio ante o Suicidio sitúan a taxa arredor do 8 % de mortes por cada 100.000 habitantes en España, fronte a un 11 % en Galicia. No caso da provincia de Lugo, a entidade sitúa a taxa en torno ao 14 % por cada 100.000 habitantes.
A asociación sinala ademais que a realidade afecta a diferentes grupos de idade. Entre os datos que manexa sobre Lugo, apunta que o 53 % dos casos se concentra entre os 40 e os 64 anos e que o 40 % corresponde a maiores de 64 anos, mentres que tamén sitúa nun 25 % a presenza de casos na franxa de entre 10 e 25 anos. No caso concreto de Lugo, a Asociación Galega de Prevención e Apoio ante o Suicidio destaca unha taxa que sitúa por riba da media galega e española, e duplica a media europea.
A entidade advirte de que entre as persoas afectadas se atopan tamén profesionais de sectores moi diversos, como integrantes das forzas e corpos de seguridade, persoal sanitario, traballadores administrativos ou profesionais do ámbito educativo.
Para a asociación, estes datos evidencian que non se pode asociar o suicidio a un único perfil nin reducir a súa prevención a unha única causa. A resposta debe incluír medidas sanitarias, sociais e comunitarias que permitan detectar o sufrimento e ofrecer atención antes de que a situación se agrave.
A asociación considera especialmente relevante atender ás dificultades de acceso aos recursos sociosanitarios. As listas de espera, que segundo expón poden chegar en determinados casos aos sete meses, constitúen unha das cuestións que máis preocupación lle xeran, xa que unha persoa que se atopa nunha situación de sufrimento pode interpretar esa demora como unha sinal de que o seu problema non é suficientemente importante ou urxente.
A entidade insiste tamén en que a prevención debe comezar moito antes de que unha persoa chegue a unha situación de crise. Así, explica que España é o país onde máis psicofármacos se consumen e o terceiro país do mundo onde máis se inxire fentanilo. Para iso, considera necesario traballar desde os centros educativos, as familias, os servizos sanitarios e o propio ámbito comunitario.
A PREVENCIÓN
Un dos programas que desenvolve neste ámbito é "Andoriña", dirixido ao traballo con profesorado, alumnado e familias. A iniciativa inclúe tamén o seguimento de situacións relacionadas co acoso escolar e pretende facilitar ferramentas para identificar sinais de malestar e actuar ante elas.
A asociación asegura que realiza arredor de 1.200 intervencións anuais con persoas novas e dispón tamén dun teléfono propio de apoio, o 881 501 024, que recibe aproximadamente 500 chamadas cada ano.
A entidade sinala igualmente que leva anos traballando con persoas de diferentes idades e que realizou arredor de 740 intervencións con persoas de mediana idade e maiores. O servizo está aberto a calquera persoa que considere que necesita apoio.
Desde a asociación reclámase tamén unha maior implicación das administracións públicas e cuestionan a falta de execución de recursos previstos para programas de prevención do suicidio. A entidade asegura que desenvolve o seu traballo de maneira autoxestionada, co apoio de entidades sociais e das doazóns. "A Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia tiña 104 millons de euros para o programa de saúde de prevención de suicidio que non executou, porque vai agardar as eleccións, pero mentres morre xente", denuncian desde a asociación.
Porén, rematan cunha mensaxe de esperanza, xa que consideran que o que salva vidas é a conversa arredor do suicidio e facilitar que as persoas poidan pedir axuda: "O suicidio pódese previr e prevese falando".
CIG-SAÚDE SÚMASE ÁS DEMANDAS
Á situación descrita pola asociación súmase a análise de CIG-Saúde con motivo do Día Mundial para a Prevención do Suicidio. O sindicato sitúa en arredor de 300 as mortes por suicidio que se producen cada ano en Galicia.
En 2025 contabilizáronse 303 mortes investigadas polo Instituto de Medicina Legal de Galicia (IMELGA), mentres que os datos provisionais do Instituto Nacional de Estatística (INE) sitúan a cifra en 295. Estes falecementos representan, segundo CIG-Saúde, aproximadamente un terzo das mortes violentas rexistradas.
O sindicato considera que o suicidio constitúe un problema de saúde pública prevenible e defende que a resposta debe combinar unha atención sanitaria rápida e de calidade con actuacións sobre as condicións sociais e materiais que poden incrementar a vulnerabilidade das persoas.
CIG-Saúde advirte de que a prevención non pode centrarse exclusivamente no individuo. Factores como as dificultades para acceder a unha vivenda, o desemprego, a precariedade laboral, os problemas económicos, a perda das redes familiares e comunitarias ou a soidade non desexada poden aumentar as situacións de vulnerabilidade.
Un dos elementos que o sindicato sitúa no centro do debate é a chamada "soidade non desexada", que diferencia do feito de vivir só. Unha persoa pode vivir soa e non sentirse soa, mentres que tamén pode experimentar unha forte sensación de illamento a pesar de estar rodeada doutras persoas.
CIG-Saúde considera que esta realidade ten unha dimensión social, comunitaria e sanitaria e reclama que sexa incorporada ás políticas públicas de saúde.
En Galicia, o envellecemento da poboación fai que esta cuestión adquira especial relevancia. O 27,2 % da poboación galega ten 65 ou máis anos e o índice de envellecemento sitúase arredor de 180 persoas maiores de 64 anos por cada 100 menores de 20.
A perda da parella ou das amizades, a redución das redes de apoio, as dificultades de mobilidade ou unha menor participación na vida comunitaria poden incrementar o risco de illamento entre as persoas maiores. A dispersión territorial e as dificultades para acceder a determinados servizos tamén poden agravar estas situacións no ámbito rural.
Pero CIG-Saúde lembra que a soidade non desexada non afecta unicamente ás persoas maiores. Tamén pode estar presente entre persoas novas, desempregadas, con empregos precarios, migrantes ou que atravesan unha ruptura ou perda familiar.
Por iso, o sindicato considera necesaria unha resposta que combine os servizos sanitarios coa comunidade, as políticas de vivenda, o emprego, a protección social e os servizos de proximidade.
Os datos analizados por CIG-Saúde tamén mostran diferenzas por sexo e idade. Segundo o sindicato, tres de cada catro suicidios corresponden a homes, mentres que as tentativas son máis frecuentes entre as mulleres.
A maior incidencia concéntrase nas persoas maiores de 50 anos, especialmente entre os 51 e os 60. En 2025 rexistráronse tamén 11 casos en persoas maiores de 90 anos.
Entre as persoas menores de 30 anos, o número absoluto de suicidios é inferior ao rexistrado na década dos anos noventa, pero o sindicato sinala que o suicidio se converteu na principal causa de morte entre a mocidade galega, por diante dos accidentes de tráfico.
A taxa galega sitúase preto das 11 mortes por cada 100.000 habitantes, o que coloca Galicia como a segunda comunidade autónoma con maior taxa, só por detrás de Asturias.
A nivel estatal, a ministra de Sanidade, Mónica García, informou de que en 2025 se rexistraron provisionalmente 3.808 mortes por suicidio en España, 145 menos que en 2024 e 419 menos que en 2022. Segundo estes datos, produciuse unha redución acumulada superior ao 10 %.
A Organización Mundial da Saúde estima, pola súa parte, que por cada suicidio consumado se producen máis de 20 intentos, aínda que a relación varía segundo os países e os diferentes grupos de idade e sexo.
CRÍTICAS AO SISTEMA SANITARIO
Outro dos eixos da denuncia sindical é o acceso á atención en saúde mental. CIG-Saúde considera insuficiente a resposta actual do Servizo Galego de Saúde e advirte das consecuencias que poden ter as demoras na atención.
O sindicato cita a auditoría realizada polo Consello de Contas sobre o Plan de Saúde Mental posterior á pandemia, correspondente ao período 2020-2024, que sinala un empeoramento dos problemas de saúde mental e debilidades na planificación.
CIG-Saúde tamén chama a atención sobre o elevado consumo de psicofármacos e ansiolíticos e sobre as dificultades para acceder a profesionais especializados.
Segundo os datos que achega o sindicato, as consultas externas nos hospitais públicos acumulan unha espera media superior aos 62 días, mentres que conseguir unha cita en Psicoloxía Clínica pode demorarse durante meses.
"Na prevención do suicidio, chegar tarde pode ter consecuencias irreparables", sinala CIG-Saúde, que denuncia ademais un déficit de profesionais de Medicina, Enfermaría, Psicoloxía Clínica e Psiquiatría respecto das necesidades da poboación.
Ante esta situación, reclama reforzar os cadros de persoal, potenciar a Atención Primaria e reducir de maneira drástica as listas de espera. Tamén defende unha maior presenza da atención comunitaria e rexeita o avance da privatización, apostando por unha xestión integramente pública.
Entre as súas demandas figura a elaboración dun Plan de Prevención do Suicidio dotado de recursos reais, cun orzamento específico, mecanismos de avaliación e participación dos diferentes sectores implicados.
A Xunta presenta o Plan de Saúde Mental 2026-2030
Fronte ás críticas sobre os recursos e a capacidade de resposta do sistema, a Xunta sitúa a prevención do suicidio como un dos ámbitos específicos do novo Plan Estratéxico de Saúde Mental de Galicia 2026-2030. O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, sinalou que o obxectivo é establecer un modelo común de prevención das condutas suicidas en toda Galicia, con especial atención ás persoas maiores e aos adolescentes.
O plan pretende combater o estigma asociado aos problemas de saúde mental, reforzar a capacidade de prevención e favorecer unha detección máis temperá das situacións de risco. A Xunta prevé ademais estandarizar e ampliar os programas especializados nas sete áreas sanitarias, establecendo protocolos e circuítos comúns, tempos de resposta e equipos multidisciplinares.
O Executivo galego sitúa o investimento global do novo plan en 177 millóns de euros e prevé incorporar 357 novos profesionais, o que supón un incremento próximo ao 50 % dos recursos humanos vinculados á saúde mental.
Entre as medidas dirixidas á prevención das condutas suicidas figura tamén o programa YAM, destinado ao alumnado de entre 13 e 17 anos. Segundo os datos da Xunta, preto de 16.000 estudantes xa participaron nesta iniciativa.
Para este curso está prevista a incorporación de 68 novos centros, ata alcanzar os 231, o que permitirá chegar a outros 12.000 alumnos. O obxectivo marcado para o próximo curso é que o programa se estenda a todo o alumnado de terceiro da ESO.
A prevención, tanto desde o ámbito sanitario como desde a educación e a comunidade, sitúase así como unha das principais vías para abordar unha realidade que, segundo as entidades e administracións implicadas, require detectar antes as situacións de sufrimento, facilitar o acceso á atención e romper o silencio arredor do suicidio.