Fin da moción de censura en Ourense: o PP non seguirá negociando
O PP pon fin á posibilidade de sacar adiante unha moción de censura no Concello de Ourense. Así o asegurou este mediodía a deputada popular, Noelia Pérez, nunha rolda de prensa convocada polo grupo municipal na que confirmou que o PP non seguirá coas negociacións.
Así, a reunión convocada para este xoves polo PSdeG de Ourense para continuar avanzando nun posible nun acordo coa oposición, queda paralizada tras o anuncio do PP de non acudir ao encontro.
O nomeamento de Natalia González, voceira do grupo municipal socialista, como candidata á alcaldía non sentou ben nas filas do PP, que esixen optar á posibilidade de que o candidato ou candidata alternativo á alcaldía sexa do seu partido e acusan ao BNG de trazar liñas vermellas e paralizar a moción.
Pese os intentos do PSOE e do BNG, o PP confirma as sospeitas que xa se viñan tendo nas últimas semanas: a moción de censura de Ourense non sairá adiante. Unha decisión que non é de estrañar tendo en conta que foron precisamente os populares os que puxeron a Gonzalo Pérez Jácome na alcaldía para manter a Deputación. Un pacto que, pese a que desde o partido intentan negar, mantense polo momento.