Francisco Javier Rodríguez Rajo, candidato a liderar a Vicerreitoría do campus de Ourense

OurenseXa
Rodríguez Rajo exerce como vicerreitor do campus de Ourense desde xuño de 2023 e defende un modelo de xestión “baseado na proximidade, no diálogo e na participación da comunidade universitaria”
francisco-javier-rodriguez-rajo-uvigo
27 Mar 2026

O catedrático de Botánica na Facultade de Ciencias, Francisco Javier Rodríguez Rajo, é a proposta de H2040 para asumir a Vicerreitoría do campus de Ourense dentro da candidatura á Reitoría da Universidade de Vigo encabezada pola catedrática Belén Rubio.

Rodríguez Rajo pertence ao grupo de investigación en Sistemas Agroambientais (GISA), vinculado ao Instituto de Investigación do Campus Auga, e acumula unha longa traxectoria académica e profesional dentro da Universidade de Vigo. Desde a candidatura destacan que a súa experiencia en xestión universitaria lle proporciona unha “visión integral e transversal do funcionamento institucional”.

A súa proposta céntrase no desenvolvemento equilibrado do Campus Auga, no reforzo da identidade propia do campus como espazo de especialización e na mellora continua das condicións para o alumnado, o profesorado e o persoal técnico de administración e servizos.

Rodríguez Rajo exerce como vicerreitor do campus de Ourense desde xuño de 2023 e defende un modelo de xestión “baseado na proximidade, no diálogo e na participación da comunidade universitaria”, subliñando que os mellores resultados só se conseguen mediante colaboración e traballo en equipo.

0.12315106391907