Galiciencia comeza a súa edición de 2026 centrada na ciberseguridade

A feira científica Galiciencia 2026 celébrase do 13 ao 15 de maio coa colaboración da Consellería de Economía e Industria e pon este ano o foco na “ciberseguridade”, un ámbito clave no contexto actual de dixitalización e crecente exposición a ameazas tecnolóxicas. A iniciativa enmárcase ademais no desenvolvemento do futuro Centro de Excelencia en Ciberseguridade de Galicia, que se está a construír en Tecnópole, en San Cibrao das Viñas.
O evento, que se pode seguir tanto de forma presencial como en liña, reúne arredor de 180 estudantes de 63 centros educativos de toda Galicia, ademais dun equipo procedente de Barcelona. En total, máis de 1.600 persoas asistirán ás visitas organizadas á feira durante tres días.
Nesta edición presentáronse un total de 104 proxectos científicos, dos que 50 corresponden a alumnado de Secundaria e Bacharelato que compite polo premio final, mentres que outros 30 proceden de Primaria, mentres que 24 propostas participan na modalidade en liña. En conxunto, as distintas actividades da feira implican a máis de 3.500 participantes. Durante os tres días de celebración, os equipos expoñerán os seus traballos en stands, onde explicarán prototipos, experimentos e conclusións ao público asistente.
Os premios principais inclúen 1.000 euros para o primeiro clasificado, destinados a financiar a participación na feira científica Exporecerca. O segundo premio, dotado con 500 euros, permitirá asistir a Zientzia Azoka. O terceiro galardón consiste en 200 euros para a adquisición de material científico ou tecnolóxico para o centro educativo.
Ademais, recoñeceranse outras categorías, como a mellor comunicación oral, o proxecto máis innovador, o traballo mellor fundamentado no método científico ou o mellor proxecto centrado na temática da ciberseguridade. Tamén haberá premios específicos para iniciativas que promovan a igualdade de xénero ou que estean lideradas por nenas, así como un galardón decidido pola votación do público en liña.
Máis alá da competición, Galiciencia inclúe un programa de actividades divulgativas dirixidas ao público máis novo. Haberá obradoiros científicos, espectáculos, concursos e mesmo un espazo de radio en directo co obxectivo de achegar a ciencia e a tecnoloxía dun xeito práctico e accesible.
Como peche da programación, o xoves celebrarase a final do desafío “Atrévete coa ciberseguridade!”, no que alumnado de diferentes niveis educativos superou previamente varias probas en liña. Os equipos finalistas disputarán agora a fase presencial desta competición científica.