Investigadores do Campus de Ourense crearán un laboratorio de tecnoloxía alimentaria
A Facultade de Ciencias do campus de Ourense da Universidade de Vigo (UVigo) participa nun proxecto europeo que creará en San Tomé e Príncipe un laboratorio de tecnoloxía alimentaria, co obxectivo de contribuír, a través da cooperación e a transferencia de coñecemento, ao desenvolvemento sostible desta república democrática.
O proxecto terá unha duración de tres anos e conta cun orzamento de 447.528 euros, financiados a través dunha convocatoria da Unión Europea, segundo informan desde a UVigo.
O consorcio participante está formado pola UVigo, pola Universidade de Porto (Portugal), coordinadora do proxecto, e pola Universidade de San Tomé e Príncipe e o Instituto Universitario de Contabilidade, Administraçao e Informática deste mesmo país.
O equipo da UVigo, explican desde a universidade, participará no proxecto principalmente na formación do alumnado da Universidade de San Tomé e Príncipe nos módulos de tecnoloxía alimentaria e procesado dos alimentos, así como no deseño do citado laboratorio, no estudo dos alimentos seleccionados e no desenvolvemento dos novos produtos que se elaborarán a partir deles (como marmeladas, aperitivos e zumes).