Investigadores do campus de Ourense traballan no desenvolvemento de novos modelos de vivendas accesibles

OurenseXa
O proxecto pretende crear unha ferramenta para analizar os modelos de vivendas e contornas habitacionais accesibles para persoas con discapacidade intelectual
Investigadores do proxecto FriHousing
Investigadores do proxecto FriHousing
10 Feb 2025

Un equipo da Facultade de Educación e Traballo Social do campus de Ourense está a participar no proxecto estatal Fri-Housing, cuxo obxectivo é desenvolver unha ferramenta para analizar os modelos de vivendas e contornas habitacionais accesibles para persoas con discapacidade intelectual en diferentes territorios, así como promover a existencia destes modelos.

O proxecto está liderado pola Universidad Pablo de Olavide (Sevilla) e a Universidad de Jaén, baixo a dirección de Rosa María Díaz e Yolanda de la Fuente, e conta cun equipo multidisciplinar formado por profesionais de diversas áreas, como traballo e servizos sociais, psicoloxía, urbanismo, ordenación do territorio, estatística, arquitectura e socioloxía. Ademais, participan investigadores e persoal en formación de dez universidades españolas e do Instituto Universitario de Lisboa, así como entidades colaboradoras e organizacións sociais vinculadas á discapacidade intelectual. Desde a organización destacan que "contar con contornas e vivendas accesibles para persoas con discapacidade intelectual é un desafío tanto profesional como persoal, que afrontamos con paixón".

Por parte da Universidade de Vigo, participan Rubén González, Paula Frieiro e Breogán Riobóo, do Grupo de Estudos en Traballo Social, Investigación e Transferencia (GEts-it), e Mónica Rodríguez, da área de Psicoloxía da Educación e Desenvolvemento. Este proxecto continúa investigacións previas nas que este equipo abordou aspectos relacionados coa saúde e a discapacidade, analizando os factores sociais determinantes ou asociados.

O proxecto consta de catro fases. A primeira consiste nun diagnóstico da situación actual, identificando actores clave, alternativas residenciais e dimensións analíticas. Na segunda fase, desenvolverase un modelo conceptual de vivenda accesible, baseado na participación dos actores previamente identificados. "Isto permitirá explorar as súas expectativas e percepcións sobre unha vivenda axeitada e accesible", sinalan. Na terceira fase, levarase a cabo unha validación mediante unha mostra de territorios e alternativas residenciais, co fin de implantar e validar o prototipo. Finalmente, procederase á difusión e posta en marcha do modelo, a través dunha aplicación chamada Fri-Housing Digital System. Neste marco, o equipo da UVigo encargarase da recollida de datos en Galicia, e desenvolveranse propostas derivadas da investigación para implementar neste territorio, coa colaboración de diversas entidades, entre elas a Asociación en favor das persoas con discapacidade intelectual da provincia de Pontevedra.

O proxecto ten un enfoque multidisciplinar (que inclúe vivenda, urbanismo e desenvolvemento comunitario) e busca facilitar a accesibilidade, emancipación e independencia residencial das persoas con discapacidade intelectual. "En resumo, non se trata só de conseguir unha vivenda adaptada, senón de aumentar a súa autonomía en todos os aspectos", destacan desde Fri-Housing.

O proxecto Fri-Housing (Friendly Housing) Contornas inclusivas e sostibles para persoas con discapacidade intelectual. Diagnóstico e avaliación de indicadores para a identificación de ‘vivendas amables’ está financiado pola Agencia Estatal de Investigación, o Ministerio de Ciencia e Innovación e o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

⚙ Configurar cookies
0.18148493766785