A oposición rexeita a cuestión de confianza vinculada aos orzamentos e ábrese o prazo para unha posible moción de censura contra Jácome

GaliciaXa | OurenseXa
A oposición dispón agora dun prazo dun mes para presentar unha moción de censura con candidato alternativo á Alcaldía e, no caso contrario, quedarán aprobados inicialmente os orzamentos municipais
Gonzalo Pérez Jácome
22 May 2026

O Pleno do Concello de Ourense rexeitou este xoves, ás 12:30 horas, en sesión extraordinaria e urxente, a cuestión de confianza formulada polo alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, vinculada á aprobación inicial do proxecto de orzamentos municipais para 2026.

A confianza foi denegada cos votos en contra dos grupos da oposición —PP, PSdeG-PSOE e BNG— que sumaron 15 votos, fronte aos 9 votos favorables do grupo de goberno de Democracia Ourensana (DO), o que impide, polo momento, a aprobación do orzamento.

A sesión estivo precedida por un pleno ordinario no que o texto orzamentario fora rexeitado por unanimidade, circunstancia que levou ao alcalde a activar a cuestión de confianza para intentar desbloquear a súa aprobación.

O debate contou coa situación previa na que o documento fora abordado no pleno grazas ao apoio do PSOE, que decidiu manter o punto na orde do día xunto a DO, unha decisión que xerou críticas por parte doutros grupos, especialmente do Partido Popular.

Co resultado desta votación, ábrese agora o procedemento previsto no artigo 197 bis da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeral (LOREG), que establece un prazo dun mes para que a oposición poida presentar unha moción de censura con candidato alternativo á Alcaldía.

Se transcorrido ese prazo, ata o 22 de xuño, non se presenta unha moción de censura ou esta non prospera, considerarase outorgada a confianza e quedarán aprobados inicialmente os orzamentos municipais para 2026.

0.12754797935486