Jácome acumula 20 denuncias penais desde 2019 e afirma que se trata dun “lawfare” contra a súa persona

O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, denunciou esta mañá a existencia dun “lawfare” —ou guerra xudicial— contra a súa xestión desde que asumiu a Alcaldía no ano 2019.
Segundo o balance ofrecido polo rexedor, ao longo do seu mandato presentáronse un total de 20 denuncias penais contra el, das cales 17 xa foron arquivadas polos xulgados. Na actualidade, segundo indicou, permanecen tres causas pendentes de resolución.
Pérez Jácome realizou estas declaracións tras coñecerse que a Audiencia Provincial ordenou o pasado venres o arquivo dunha causa na que estaba sendo investigado por un presunto delito de prevaricación.
Respecto ás tres causas que seguen abertas, o alcalde sostén que se trata de “denuncias sen percorrido, onde o alcalde non ten responsabilidade”.
O rexedor cualifica estas accións xudiciais como parte dun “lawfare”, que define como a presentación reiterada de “denuncias sen base” co obxectivo de desgastar a súa xestión. Segundo afirmou, “en ningunha delas se demostrou ningún delito nin irregularidade”.
Jácome engadiu que, ao seu xuízo, este tipo de denuncias responden a intereses de visibilidade pública ou política: “Fanse só para saír nos medios de comunicación, xa que os que as presentan saben que as denuncias enchen as páxinas dos xornais pero os arquivos non. Son denuncias mediáticas”, asegurou.
O alcalde tamén sinalou que existen persoas que utilizan de forma sistemática a vía xudicial para “promocionarse publicamente ou politicamente” a costa da súa alcaldía.