Jácome agradece a aposta da Selección Española de Hockey Herba por Ourense
O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome e o tenente de alcalde, Aníbal Pereira, recibiron no Concello a selección española feminina de hóckey herba, que durante esta semana realiza na cidade de Ourense a súa preparación para os Xogos Olímpicos París 2024.
A delegación española está formada por unha trintena de deportistas (entre xogadoras e persoal técnico, encabezado polo seleccionador, o ourensán Carlos García Cuenca). Tamén participaron no acto os presidentes da Real Federación Española de Hóckey, Santiago Deó, o presidente, Roberto Baratta, e o vicepresidente, Fran Masid, da federación galega, e o deputado de Representación Institucional da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández.
O alcalde deulles a benvida á cidade, agradeceu a aposta da selección española por Ourense, ao realizar aquí a súa preparación para os Xogos Olímpicos de París 2024, e desexoulles moitos éxitos na competición deste verán, para a que aspiran obter medalla olímpica. “Sei que o ides conseguir, grazas por vir a Ourense e moita sorte”, manifestou Pérez Jácome.
Xogadoras, seleccionador e presidente da Federación coincidiron en expresar o seu agradecemento á cidade pola hospitalidade recibida e o seu desexo de regresar dos Xogos de París cunha medalla olímpica.