Javier Gutiérrez recibirá a Calpurnia de Honra da 31ª edición do Ourense Film Festival

GaliciaXa | OurenseXa
O actor recollerá o galardón o 25 de setembro durante a inauguración do festival, que recibiu 1.291 inscricións de obras procedentes de 77 países
javier-gutierrez-calpurnia-de-honra-ouff
11 Aug 2026

O actor Javier Gutiérrez recibirá a Calpurnia de Honra, o recoñecemento máis prestixioso do OUFF · Ourense Film Festival, durante a gala inaugural da súa 31ª edición, que terá lugar o próximo 25 de setembro. O anuncio foi realizado este martes polo director artístico do certame, Óscar Doviso.

Doviso destacou a “traxectoria envexable” do intérprete e tamén o seu carácter interdisciplinar, tanto pola súa presenza no cine, nas longametraxes, curtametraxes e series, como polo seu traballo sobre os escenarios teatrais.

Javier Gutiérrez xa participou no OUFF en 2023, cando acudira ao festival para presentar a película Honeymoon. Segundo explicou Doviso, o actor recibiu agora a noticia do galardón “cos brazo abertos, con moita ilusión e entusiasmo”, unha reacción que, segundo o director artístico, evidencia “que hai unha enorme sintonía entre as partes”.

Máis de 90 traballos no cine e na televisión

Javier Gutiérrez, nacido en Luanco, Asturias, en 1971, acumula máis de 90 traballos no cine e na televisión, ademais dunha ampla traxectoria teatral, que o converte nun dos intérpretes máis coñecidos do audiovisual español.

Entre os seus personaxes máis recoñecidos atópanse Satur en Águila Roja, Carlos en Vergüenza e Marco en Campeones. Son papeis que, segundo Doviso, xa o sitúan “na memoria de todos”.

O intérprete conta con dous premios Goya ao mellor actor principal. O primeiro conseguiuno en 2015 polo seu traballo en La isla mínima e o segundo chegou tres anos despois por El autor.

Ao seu palmarés súmanse tamén dúas medallas do Círculo de Escritores Cinematográficos, tres premios Feroz, tres recoñecementos da Unión de Actores e Actrices e dous premios José María Forqué, entre outros galardóns.

A organización do OUFF destaca tamén a súa vinculación con Galicia. Aínda que naceu en Asturias, Gutiérrez pasou boa parte da súa infancia en Ferrol, polo que desde o festival o consideran “un galego de adopción”.

1.291 obras inscritas no festival

Co prazo de inscrición para participar na 31ª edición do OUFF xa rematado, Óscar Doviso deu a coñecer tamén os primeiros datos de participación do certame. En total, recibíronse 1.291 obras cinematográficas, presentadas tanto a través das plataformas en liña como por outras vías.

Do total de traballos inscritos, 450 son longametraxes e 841 curtametraxes. Entre eles figuran 54 obras galegas.

A selección recibida inclúe películas que xa pasaron por festivais internacionais como Cannes, Berlín, Sundance ou Locarno, ademais de traballos que serán estreas en España e mesmo estreas mundiais.

As obras proceden de 77 países. España, México, China, Arxentina, Brasil, Francia, Hungría, Chile, Colombia, Alemaña e Estados Unidos son os países con maior número de propostas presentadas ao certame.

O festival tamén recibiu obras procedentes de países cunha menor produción audiovisual, entre eles Andorra, Cuba, Nepal, Mongolia, El Salvador, Bielorrusia, Cabo Verde, Panamá, Mónaco, Palestina, Filipinas e Xordania, ademais da República Dominicana.

Doviso destacou igualmente que nesta edición se inscribiron por primeira vez obras procedentes de Bangladesh, Macao, Ruanda, República Democrática do Congo, Xamaica e Kirguistán.

0.14299011230469