Luis Menor anuncia en Termatalia a vindeira modalidade termal da Deputación: o Termalismo Azul

OurenseXa
A iniciativa busca “a conexión cos valores, de diferente natureza, que como provincia caracterízannos e que conforman a nosa identidade"
Inauguración de Termatalia 2024
Inauguración de Termatalia 2024
26 sep 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, recalcou durante a inauguración da 22ª Feira Internacional de Turismo Termal, Saúde e Benestar, a colaboración que desde a Deputación de Ourense se lle presta a Termatalia.

Menor recalcou que esta colaboración “constitúe un compromiso de presente e de futuro”, definindo a Expourense como “o mellor escaparate” para dar visibilidade ás políticas provinciais en favor deste sector estratéxico para Ourense.

Lembrando que a presenza da Deputación en Termatalia é unha tradición que transcorre parella ao inicio do programa de termalismo social provincial, Luis Menor anunciou que a feira internacional é o lugar escollido para presentar a nova modalidade: o Termalismo Azul.

Unha iniciativa, explicou, que baixo o nome de Termalismo Azul busca “a conexión cos valores, de diferente natureza, que como provincia caracterízannos e que conforman a nosa identidade; uns valores que fundamentan a posibilidade para a provincia de ser considerada unha Zona Azul, sumándonos ao únicas cinco que a nivel de todo o mundo atesouran este distintivo e que acreditaría a ultralonxevidade saudable dunha importante porcentaxe da nosa poboación”.

Luis Menor tamén explicou a aposta da Deputación polo Termalismo Social, onde destaca o programa provincial, “unha referencia a nivel de toda España polo seu deseño, polo seu compoñente tecnolóxico e polo seu impacto”, destacando que preto de 25.000 persoas beneficiáronse del. “Cifra que alcanzaremos este ano, con máis de 80.000 pernoitas, máis de 200.000 técnicas termais administradas e máis de 7 millóns de euros de impacto directo nos sete balnearios participantes da nosa provincia”.

Termalismo como fonte de saúde

Tamén fixo fincapé o presidente provincial no concepto do termalismo como fonte de saúde e benestar, destacando a súa utilización como ferramenta social contra a soidade non desexada. E tamén lembrou que onte mesmo foi publicado no Boletín Oficial da Provincia o primeiro programa de termalismo para lesionados medulares.

Ademais de lembrar iniciativas innovadoras para captar novos perfís sociais, como é o caso do programa de nómades dixitais termais que xa está en marcha tamén se centrou na importancia da investigación.

A importancia da I+D termal

Neste senso, Menor recalcou que “a I+D termal é clave. Somos conscientes dos problemas que o sector ten derivados do crecente custo enerxético dos últimos anos. Traballamos na procura de solucións para este problema da man, como non podía ser doutra forma, do Campus da auga da Universidade de Vigo”.

E avanzou que na Deputación “cremos ter a solución para reducir significativamente o custo enerxético dos nosos balnearios, á vez que avanzamos na descarbonización dos mesmos”, que pasaría por crear un hub termal de sustentabilidade de recursos termais con enerxías renovables; un contedor modular con varios tipos de enerxías limpas que sexa transferible, adaptable e personalizable a calquera balneario. “A Deputación de Ourense vai facer un esforzo económico por apoiar por primeira vez unha iniciativa de I+D termal”, dixo, e avanzoulle ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, que solicitará a cooperación do Executivo Autonómico para este fin: “A colaboración de todos é a fórmula que nos permitirá avanzar máis rápido e de maneira sostible”, dixo.

0.069776058197021