Luis Menor cuestiona que os socialistas teñan autorización para propoñer unha moción en Ourense

OurenseXa
O líder do PP ourensán desconfía de que os socialistas só traten de facer unha "mascarada" e esixe que demostren que teñen permiso dos seus órganos superiores para esta moción
Luis Menor, presidente da Deputación de Ourense, durante a inauguración do Parque Acuático de Monterrei
20 Xuño 2024

O líder do PP ourensán, Luis Menor, esixe ao grupo municipal do PSOE no Concello de Ourense que aclare se ten autorización das direccións provincial, galega e nacional para promover e negociar unha moción de censura contra o actual alcalde de Ourense ou se trata dunha enganosa pose.

Luis Menor sae así ao paso das declaracións do secretario xeral dos socialistas galegos, nas que rexeita o pacto de goberno alcanzado no Carballiño entre o PSOE e o PP ao tempo que afirma que o seu partido non goberna co PP. “Ou hai vontade de negociar e pactar ou todo é postureo”, advertiu Menor.

O acordo alcanzado no Carballiño para o resto do mandato, dixo, “é un pacto exclusivamente de carácter local, no que se antepoñen os intereses da cidadanía ás siglas e ás ideoloxías”. A suma de ambos partidos vai contribuír a que os asuntos estratéxicos para o futuro da segunda urbe máis poboada da provincia “sexan atendidos grazas ao traballo conxunto e á implicación de todos os niveis das administracións públicas”.

O líder popular enfatiza que “non hai moedas de cambio; só trátase da mellor solución que encontramos no PP para darlle estabilidade ao goberno local e solucionar os problemas da veciñanza”. Un acordo “que xurde da autonomía de ambos grupos municipais e no que respectamos a decisión dos nosos compañeiros, que chega sen liñas vermellas, mantendo os socialistas a alcaldía e entrando o PP no goberno”.

Agora, critica Luis Menor, o PSOE desautoriza este acordo mentres promove unha moción de censura no Concello de Ourense, “co pobre argumento de que a situación é diferente en Ourense.

Fronte ao novo escenario, Luis Menor desconfía de que os socialistas só traten de facer unha mascarada –“tendo en conta ademais o espectáculo mediático co que se formulou a proposta da moción”-, polo que esixe “expresamente” que os promotores da alternativa contra o alcalde de Ourense demostren que teñen autorización dos seus órganos superiores para esta moción e non busquen “diferenzas inexplicables” entre Ourense e O Carballiño.

0.14989185333252